
O pasado venres día 5 de novembro, o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Alexandre Rodríguez Guerra, ofreceu unha charla divulgativa no IES Pazo da Mercé (en Tortoreos, As Neves, nas boas terras do Condado) para alumnado de cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato co título “Xogando a inventar palabras: os neoloxismos en galego”.
Grazas ó Observatorio de Neoloxía da Lingua Galega da Universidade de Vigo, dispoñemos de información sobre os neoloxismos da prensa en galego das dúas últimas décadas. Na charla ofrecéronse algúns deses datos, manexáronse distintos exemplos e, a maiores, os/as asistentes puideron intervir para sumarse ó xogo neolóxico dende unha vertente creadora.
