Presentación

CUMIEIRA DAS LETRAS é unha revista do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo que, cunha periodicidade anual, pretende dar a coñecer traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. Sen estarmos condicionados pola extensión das contribucións, inéditas, estas serán rigorosas para, deste xeito, contribuír ó avance do noso coñecemento da lingua, literatura e cultura galegas.

As colaboracións deben estar redactadas en galego (só excepcionalmente se admitirá, polo valor dalgún documento, algunha outra lingua fundamentalmente románica). Cumieira das Letras nace en papel e tamén estará dispoñible na rede na súa versión dixital. As seccións que configuran Cumieira das Letras non constitúen un espazo choído, senón que están abertas a novas propostas incluída, por exemplo, a creación literaria en galego, pois esta non deixa de ser unha das máis fermosas manifestacións culturais na nosa lingua.

Cumieira das Letras non establece ningún acoutamento nos seus temas –fóra dos grandes campos xa sinalados– pero, na medida en que resulte de interese, concentrará algúns dos artigos de xeito monográfico nalgunha personalidade das nosas letras, nalgunha obra ou nalgún eido específico da nosa lingua ou cultura. Neste primeiro número pretendemos homenaxear un mindoniense universal, vigués de adopción: Álvaro Cunqueiro.

Esta nova revista é posible grazas á axuda de moitas persoas e institucións, e á confluencia de moitas sinerxías. Comezando pola totalidade dos membros do Departamento de Filoloxía Galega e Latina (co seu Director á fronte), continuando pola Vicerreitoría de Investigación e o Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, pasando por quen participa nos diferentes comités, ata chegar ós colaboradores e colaboradoras que cos seus traballos arrequeceron este primeiro número. Oxalá no futuro sexamos capaces de trasladar a mesma ilusión, de espertar o mesmo interese e de multiplicar o recoñecemento e atracción cara á lingua, literatura e cultura galegas.

O primeiro volume da Cumieira das Letras vai especialmente dedicado a:

Amparo Solla González

Antonio García Masegosa

Celso Rodríguez Fernández ()

Clara Castroviejo Bolibar

M.ª do Camiño Noia Campos

Ramón Gutiérrez Izquierdo

Teresa Bermúdez Montes

Xesús Lantes Vitureira

Xosé Antón Palacio Sánchez

Xosé Luís Sánchez Ferraces

sempre docentes da Universidade de Vigo, de quen tanto aprendemos humana e cientificamente nos anos en que compartimos docencia e amizade no Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo