O ciclo “Escritores/as na Universidade” chegou á súa oitava edición. Organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o ciclo propón para este outono unha serie de mesas redondas que achegan ao alumnado universitario, e á sociedade en xeral, a oportunidade de escoitar os autores/as analizando a súa obra persoal cada ano desde un prisma diferente que vén dado polo lema do ciclo, que nesta edición é “Unha outra literatura para un outro tempo”.
O ciclo estruturouse en tres mesas redondas correspondentes a cadanseu xénero literario. A primeira “Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados”, sobre narrativa, inaugurou o ciclo coa presenza dos narradores Alberto Lema e Samuel Solleiro.
A seguinte abordou a cuestión desde o xénero poético coa participación de Berta Dávila e Gonzalo Hermo, que falaron da incidencia da situación económica e política no modo en como conciben o discurso poético nunha mesa titulada “Furia estratéxica para un tempo salvaxe? Precariedade e poesía”.
Rematouse o 24 de outubro coas reflexións sobre o hibridismo de linguaxes nas novas tendencias escénicas das dramaturgas Antía Otero e Vanesa Sotelo, baixo o título “Teatro impuro para tempos bastardos”.