Celebración das Letras Galegas no campus de Ourense

A programación co gallo do Día das Letras Galegas 2021 na Universidade de Vigo arrancou este luns no campus de Ourense coa inauguración da mostra Aquela nena de Sarria, do Colectivo Egeria, na que se abordan os primeiros anos de vida e de formación da escritora homenaxeada nesta edición, Xela Arias.

Esta mostra inicia unha programación de actos e exposicións coa que se quere unha vez máis reivindicar desde o eido universitario a lingua galega a través dunha das súas figuras destacadas.   

A exposición, que estará na planta baixa do edificio de Ferro ata o 15 de xuño, é un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria de Sarria para dar a coñecer a figura de Xela Arias e conta co patrocinio da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, ademais da colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega.

Composta por doce paneis, nela refléctese segundo os seus organizadores “o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real”.

Inauguración da exposición

Máis programación

No acto de inauguración, a vicedecana de Educación e Traballo Social e membro do comité organizador da programación do Día das Letras Galegas Ana Iglesias apuntou como esta mostra “é só un dos actos da programación que se desenvolverá en homenaxe a Xela Arias”.

Así, a programación continuarán o día 13 de maio coa celebración da xornada O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias, no edificio de Ferro. Neste acto, presidido por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, entregaranse os Premios 2021 de Poesía, Relato e Tradución da Universidade de Vigo. Ademais, Chus Nogueira ofrecerá a conferencia A independencia total e gratuíta. A vida e a obra de Xela Arias, e Clara Pino, acompañada de Pablo Vidal, porá música a poemas de Rosalía de Castro e Xela Arias.

O día 21 de maio continuarán as actividades cunha xornada na que alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social amosará traballos realizados por eles e elas inspirados na obra de Xela Arias. Ademais, María Yáñez ofrecerá a conferencia Tras os pasos de Xela Arias e Emma Pedreira outra titulada Tupper X. Abrindo as caixas da poesía.

Para rematar, terá lugar a presentación musical do libro-álbum O globo vermello, de Xosé Constenla, músico e profesor da facultade organizadora. Esta programación de homenaxe completarase coa mostra Xela Arias. A poesía do retrato, composta de fotografías de Xulio Gil e poemas de Xela Arias que se ubicará nos xardíns do campus de Ourense do 11 ao 21 de maio.

[Información e imaxes tomadas do DUVI]