Conferencia de Ceferino de Blas (16 de novembro)

Na conferencia do xoves 16, o xornalista Ceferino de Blas trazou unha detallada panorámica da cobertura dada pola prensa a Martin Codax e ó Pergamiño Vindel. Iníciaa no ano 1876 coa publicación da edición facsímile do Cancioneiro da Vaticana. Ese mesmo ano o vigués Teodosio Besteiro Ramos, residente en Madrid, descobre nas páxinas dese cancioneiro un trovador chamado Martin Codax que fala da súa cidade. E, animado polo achado, publica un artigo sobre as cantigas do mar de Vigo no xornal ourensán El Heraldo Gallego, dirixido por Lamas Carvajal. É a primeira noticia que aparece en Galicia sobre a lírica medieval e as cantigas de Codax. En 1896, o historiador vigués, José de Santiago y Gómez dedica unhas páginas á lírica medieval na sua Historia de Vigo y comarca, salientando a importancia das cantigas de Codax. Non hai referencias ó tema ata o ano 1913, cando Eladio Oviedo y Arce publica o artigo «De Santiago y Vigo» nos xornais composteláns, Eco de Galicia e Diario de Galicia. En 1914 prodúcese o importante achado do Pergamiño de Codax por Pedro Vindel, e dá a noticia en Arte Español, a revista da Sociedad Española de Amigos del Arte, de difusión restrinxida.

Mais, le o artigo Oviedo y Arce e escribe un amplo traballo titulado “El genuino Martín Codax, trovador gallego del siglo XIII”, en tres volumes do Boletín de la Real Academia Galega, entre 1916 e 1917.

O redactor do Faro de Vigo, Avelino Rodríguez Elías, lector do BRAG, dá a noticia no xornal no artigo «Martín Codax. Una gloria viguesa», que aparece no centro da portada. E quince días máis tarde, Diario de Galicia dá conta da información aparecida no Faro, pedíndolle ó pobo de Vigo que contribúa á adquisición do Pergamiño para a cidade. En 1919 Roberto Blanco Torres publica no Faro de Vigo o artigo “La cuestión del idioma” no que defende con vehemencia a nosa lingua e cita a Codax entre outros grandes escritores que a usaron na escrita. Insírese na polémica lingüística Rodríguez Elías volvendo salientar a figura do trovador. E volve facelo o ano seguinte no artigo «El Teatro Gallego».

De Blas contou a reacción que tivo a proposta de Rodríguez Elías de darlle o nome de Martín Codax a unha rúa de Vigo, nun plenario do concello o ano 1920, que recibiu a oposición dos conservadores e provocou artigos ofensivos do xornalista vigués Pío Cuiñas. Con todo, tamén suscitou artigos a favor en distintos xornais galegos de xente importante da nosa cultura. De Blas enumerou todos os acontecementos dos que se dá información na prensa nos que aparece o xograr e a lírica profana medieval durante o primeiro terzo do século XX e nos anos da II República. Nos anos que seguen á guerra do 36 Martin Codax desaparece da prensa e da Universidade de Galicia. Volverá rexurdir na década dos anos cincuenta grazas ós traballos do escritor e cronista de Vigo Xosé Mª Álvarez Blázquez, primeiro coa publicación da Escolma da poesía galega I: Escola medieval en 1953 en Galaxia e anos despois polo libro Martín Códax, cantor del mar de Vigo gañador do Premio Álvarez García de Biografía, outorgado pola Asociación da Prensa de Vigo, no que estuda as sete cantigas e fai unha suposta biografía de Codax.


logoUvi
LogoDeputacion