O vindeiro curso estrearase na Universidade de Vigo o Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.
Esta nova titulación, que toma o relevo do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, ten unha perspectiva aplicada e procura que “o alumnado adquira as competencias filolóxicas necesarias para poder aplicalas de xeito práctico na procura de solucións aos problemas socioculturais actuais”.
O grao conxuga a tradición e a modernidade e afonda nunha vertente práctica, sobre todo dixital. Ademais, presenta novidades como a incorporación de prácticas externas.
Por outra banda, os estudos de Filoloxía Aplicada presentan múltiples saídas profesionais:
- Docencia no ensino secundario, bacharelato, escolas oficiais de idiomas, academias etc.
- O ámbito tecnolóxuco e da comunicación multimodal.
- As industrias da lingua (galego e español) e as industrias culturais e creativas, especialmente vinculadas ás novas tecnoloxías.
- O ensino de galego e español como linguas estranxeiras (lectorados, auxiliarías de conversación etc.).
- As relacións internacionais.
- Edicións, redacción e correccións de textos.
- Traballo administrativo e de comunicación en empresas ou institucións.
- Asesoramento lingüístico e editorial.
- Áreas de normalización lingüística.
- Mundo editorial e xornalístico, axencias de publicidade…
A nova titulación permite optar tanto por saídas tradicionais como por opcións máis innovadoras.
O mercado laboral demanda profesionais no ámbito da comunicación multimodal e multilingüe e o grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española preparará alumnado cunha gran competencia dixital, adaptado aos novos tempos e as oportunidades laborais.
Imaxe e información tomadas do DUVI