Durante dous días, Vigo acolleu o I Congreso Internacional sobre o Discurso Non-lírico na Poesía Contemporánea, coordinado por Burghard Baltrusch e Gabriel Pérez Durán. A iniciativa contou coa colaboración do Grupo Alea de Análise Poética da Universidade de Santiago, coordinado por Arturo Casas e cos responsables da web Poesiagalega.org.
Á inauguración do encontro asistiron tamén o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas; a Decana da FFT, Rosa Pérez, e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Arturo Casas, director do proxecto de investigación a partir do que xurdiu o congreso. A conferencia plenaria coa que se inaugurou o encontro correu a cargo de Daniel F. Chamberlain da Queen’s University de Canada, especialista de renome en cuestións relacionadas con tradición oral, aspecto no que centrou a súa intervención. Durante a primeira sesión participaron Cornelia Gräbner, profesora de Lancaster University e Isaac Lourido da Universidade de Compostela. A conferencia plenaria da segunda sesión correu a cargo de Margarita Pons Jaume, profesora da Universidade das Illas Baleares. Durante esta sesión interviron Marina Correia e Walfrido Dorta, Xosé María González e María Xosé Graña. Na terceira sesión, producíronse as comunicacións paralelas de Marlena Krupa, Fernando Guzmán e Vanesa Silva. Tamén aquí participaron Rui Torres, Martín Veiga e Gisele Wolkoff. Pódense ver todas as intervencións aquí.
Paralelamente, na Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución presentouse a a exposición de obxectos poéticos Edición Pirata de Pepe Cáccamo.