CUMIEIRA DAS LETRAS é unha revista do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo que, cunha periodicidade anual, pretende dar a coñecer traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. Sen estarmos condicionados pola extensión das contribucións (aínda que se aconsella que os artigos oscilen entre 20.000 e 60.000 caracteres sen espazos), estas serán rigorosas e inéditas para, deste xeito, contribuír ó avance do noso coñecemento da lingua, literatura e cultura galegas.
As colaboracións deben estar redactadas en galego (só excepcionalmente se admitirá, polo valor dalgún documento, algunha outra lingua fundamentalmente románica). Cumieira das Letras non establece ningún acoutamento nos seus temas –fóra dos grandes campos xa sinalados– pero, na medida en que resulte de interese, concentrará algúns dos artigos de xeito monográfico nalgunha personalidade das nosas letras, nalgunha obra ou nalgún eido específico da nosa lingua ou cultura. As seccións que configuran Cumieira das Letras están abertas a novas propostas incluída, por exemplo, a creación literaria en galego, pois esta non deixa de ser unha das máis fermosas manifestacións culturais na nosa lingua.
O envío dos traballos orixinais farase por correo electrónico ó enderezo cumieiradasletras@uvigo.gal e incluirá un arquivo en versión doc(x) ou odt e outro en versión pdf (este último deberá vir anonimizado e no seu interior haberá que substituír o nome do/a autor/a pola palabra «AUTORÍA»). No caso de haber imaxes (das que se disporá dos dereitos para a súa publicación), estas deberán vir situadas no lugar que lles corresponda no texto e tamén nun arquivo independente coa suficiente calidade para a súa impresión. Para as táboas, gráficas, fotografías, mapas etc., daráselle preferencia ó branco e negro (a cor reservarase para casos imprescindibles).
Recibidos os traballos orixinais, serán revisados por unha comisión co sistema dobre par cego, que informará verbo da súa publicación e das posibles modificacións que cumpran.
Normas para os/as autores/as
Os textos adecuaranse ás seguintes indicacións ortotipográficas:
- Empregarase o formato Word/Libre Office coa letra Libre Baskerville (https://fonts.google.com/specimen/Libre+Baskerville#standard-styles).
- Conterá un título en galego (Libre Baskerville 10 negra) e a súa versión ó inglés (Libre Baskerville 9 negra e cursiva); en liña á parte figurará(n) o(s) nome(s) e apelido(s) do/a(s) autores/as; noutra liña a institución á que pertence(n) (se a houber) e un enderezo electrónico de contacto, preferiblemente, institucional (Libre Baskerville 9,5 redonda nestas últimas dúas liñas; todas tres centradas).
- Presentará tamén un Resumo redactado en galego (entre 150 e 200 palabras), que describa os obxectivos e contidos do artigo, e tamén a correspondente versión en inglés. Despois do Resumo e o Abstract incluiranse entre catro e seis Palabras chave separadas por comas que identifiquen o contido (tamén coa correspondente versión en inglés: Keywords). Todo en letra Libre Baskerville 7,5 redonda.
- O/a autor/a pode facer agradecementos ou referencia a algún proxecto nunha nota no pé de páxina, que se incluirá na palabra final do título e que utilizará como marca un asterisco «*».
- O corpo de texto expositivo será en letra Libre Baskerville 8,5 (7,5 nas notas no pé), a entreliña exacta de 12 pt, sen ningún sangrado na primeira liña e cun espazo abaixo (ou posterior) do parágrafo de 3 pt.
- O traballo artellarase en seccións (aconséllase non superar os tres niveis aínda que, se for preciso, poderá alcanzarse un cuarto): o título do primeiro nivel en Libre Baskerville negra (corpo 12,5); o segundo nivel en Libre Baskerville negra e cursiva (corpo 10), e o terceiro nivel en Libre Baskerville cursiva (10) –se houbese que empregar un cuarto nivel iría en Libre Baskerville redonda (10)–.
- As citas textuais, de seren tres liñas ou menos, incluiranse dentro do texto expositivo encerradas en aspas («»); se son catro liñas ou máis, irán en texto á parte, en Libre Baskerville 7,5, con espazos anterior e posterior de cadanseus 6 pt, unha entreliña exacta de 11pt e cun espazo de 1,4 cm pola esquerda.
- O texto das citas no pé de páxina debe ir en letra Libre Baskerville 7,5 redonda.
- O sistema interno de citas seguirá o modelo «apelido ou apelidos do/a autor/a ano: páxinas», coma nestes exemplos: (Iglesias Álvarez / Acuña Ferreira 2022: 10) ou Iglesias Álvarez / Acuña Ferreira (2022: 10), segundo corresponda.
- No final do artigo incluiranse só as Referencias bibliográficas citadas ó longo do texto expositivo, cun sangrado á francesa de 1 cm. Incluirase o DOI (ou URL) das publicacións que dispoñan del.
Libros
Álvarez, Rosario / Xosé Xove (2002): Gramática da lingua galega. Vigo: Galaxia.
Arias Freixedo, Bieito / Xosé María Gómez Clemente / Gabriel Pérez Durán (eds.) (2012): Sementar para os que veñan. Homenaxe a Camiño Noia. Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.
Cunqueiro, Álvaro (2019): No obradoiro do fabulador. Artigos en galego de Álvaro Cunqueiro no Faro de Vigo 1972-1981. Edición de X. H. Costas / I. Castro Buerger. Vigo: Galaxia.
Publicacións en liña
González Gómez, Xesús (2019): «No obradoiro do fabulador, os gustos literarios de Cunqueiro», publicación no blog BiosBardia, 27/11/2019. https://biosbardia.wordpress.com/2019/11/27/no-obradoiro-do-fabulador-os-gustos-literarios-de-cunqueiro/ [consultado o 11/01/2021].
TILG = Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja (1986-): Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Versión 4.1. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. http://ilg.usc.gal/TILG/ [consultado o 15/03/2022].
Capítulos de libro
García Devesa, Consuelo (2000): «As viaxes extra-vagantes e di-vagantes de Álvaro Cunqueiro», en D. Kremer (coord.), Un século de estudios galegos. Galicia fóra de Galicia. Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos, Universidad de La Habana, 17 a 21 de abril de 2000. A Habana: Universidad de La Habana, vol. I, 355-366.
López, Teresa (2014): «Notas marxinais á poesía de Álvaro Cunqueiro», en M. Forcadela / T. López / D. Vilavedra (coords.), Mil e un Cunqueiros. Novas olladas para un centenario. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 465-478. DOI: 10.17075/mucnoc.2014.023
Soto Andión, Xosé (2019): «Dous papeis semánticos en contraste: portador de estado e situado», en X. A. Fernández Salgado / A. S. Alonso Núñez (eds.), Non haberá illa, pro hai o nome. Homenaxe a Antón Palacio. Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 133-145.
Artigos de revista
Fernández Salgado, Xosé Antonio (2021): «No ronsel da colección de literatura popular de Marcial Valladares: a súa colaboración cos folcloristas do século XIX», Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 24, 81-100. DOI: http://dx.doi.org/10.5209/madr.80235
Iglesias Álvarez, Ana María / Virginia Acuña Ferreira (2022): «“Fálalle castelán que é o idioma da cidade”: a importancia dos contextos no éxito ou fracaso da transmisión familiar do galego», Estudos de Lingüística Galega 14, 1-23. DOI: https://doi.org/10.15304/elg.14.7382
Palacio Sánchez, Antón (2007): «Cunqueiro tradutor e anosador», Viceversa 13, 171-203. https://revistas.uvigo.es/index.php/viceversa/article/view/2496/2502 [consultado o 15/03/2022].