O membro do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Burghard Baltrusch (presidente da I Cátedra Internacional José Saramago, Universidade de Vigo), obtivo un proxecto de investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (2020-2023).
Como continuación directa de tres proxectos de investigación antecedentes, o proxecto Poesía actual e política: conflito social e dialoxismos poéticos (POEPOLIT II, PID2019-105709RB-I00) pretende xerar coñecemento sobre as relacións entre o poético e o político e o seu impacto nas sociedades occidentais actuais. Desde 2010, os traballos dun grupo internacional de especialistas estable ampliaron a análise teórica-práctico do poético e da súa interrelación co político, comprobando que os resultados das análises de fenómenos poéticos na actualidade poden ser extrapolados para os estudos socio-culturais e económico-políticos en xeral. POEPOLIT II amplía agora esta perspectiva de forma substancial a partir de catro hipóteses de partida:
I. A poesía contemporánea, na súa orientación cara ao político ou o público, cuestiona e tende a excluír textos dirixidos por vozes, suxeitos, (cosmo)visións ou ideoloxías de carácter único e uniforme.
II. Fóronse abrindo cada vez máis espazos dialóxicos, con diferentes posicións, percepcións e linguaxes.
III. Os espazos de imaxinación poético-política actuais vincúlanse frecuentemente con movementos sociais.
IV. A maioría das protestas sociais na actualidade poden ser analizadas tamén como accións poéticas que expresan a vontade de que a imaxinación produza cambios estruturais na realidade.
En consecuencia, formulamos catro preguntas de investigación:
1. Existen correlacións entre a atención progresiva que a poesía contemporánea dirixe ás diversas formas de conflito social e a tendencia cara aos usos enunciativos dialóxicos?
2. En que medida un discurso poético de oposición ao capitalismo globalizado e ás políticas públicas é posible?
3. Existe unha reactivación poética do corpo social, e que obras ou expresións poéticas dialogan na actualidade con movementos ou accións políticas nos ámbitos culturais e lingüísticos observados?
4. De que formas o realizan e con que consecuencias?
Os estudos e actividades interdisciplinarios previstos abarcarán diferentes conflitos globais da actualidade: a orde económica neoliberal; a razón e a orde de Estado; o control da información e do corpo; o heteropatriarcado; a condición colonial ou neocolonial; os fluxos migratorios; a diferenza cultural e lingüística; a ética animal e as relacións abusivas con outras especies; a explotación de recursos; as identidades e relacións sociais/comunitarias ou interpersoais; os afectos e as lóxicas afectivas; o ámbito educativo en xeral e os dereitos da infancia.
A investigación centrarase en catro obxectivos xerais:
a) Completar un repertorio existente (a base de datos tetralingüe Poetry in the Public Space) con análises críticas de conflitos sociais presentes de forma recorrente e significativa na produción poética contemporánea internacional (incluíndo prácticas poéticas interartísticas, intermediais e interdiscursivas).
b) O estudo de referentes temáticos na poesía actual por contraste cos usos e desenvolvementos noutros xéneros textuais, nas ciencias sociais ou historiográficas, ou nos xéneros xornalísticos.
c) A observación da dialéctica entre discursos monolóxicos e dialóxicos na produción poética; a clasificación e a análise crítica da poesía dialóxica referida a conflitos sociais.
d) A análise da recepción da produción estudada por diversos axentes sociais e culturais.
Os estudos de caso centraranse nas producións poéticas actuais galega, lusófona, hispano-americana e a poesía dirixida á infancia, incluíndo tamén elementos de comparación coas poesías actuais española, francesa, inglesa e alemá.
Por extensión, o proxecto pretende describir de forma crítica como o conxunto dos resultados, obtidos en catro proxectos consecutivos, propicia e intervén nunha máis profunda comprensión da nosa contorna sociocultural e política.
Equipo de investigación: Burghard Baltrusch (IP, I Cátedra Internacional José Saramago, Universidade de Vigo), Arturo Casas (Universidade de Santiago de Compostela), Ana Chouciño (Universidade de Santiago de Compostela), Antonio Méndez Rubio (Universitat de València), Iria Sobrino Freire (Universidade da Coruña). Equipo de traballo: Alethia Alfonso García (Universidad Iberoamericana Ciudad de México), Kenia Aubry Ortegón (Universidad San Francisco de Campeche), Silvia Bermúdez (University of California – Santa Barbara), Alba Cid (University of Oxford), Geneviève Fabry (Université Catholique de Louvain), Joana Matos Frias (Universidade do Porto), Margarita García Candeira (Universidad de Huelva), Cornelia Gräbner (Lancaster University), Isaac Lourido (Universidade da Coruña), Rosa Maria Martelo (Universidade do Porto), Joana Meirim (Universidade Católica Portuguesa – Lisboa), Antía Monteagudo Alonso (I Cátedra Internacional José Saramago, Universidade de Vigo), Carlos Nogueira (I Cátedra Internacional José Saramago, Universidade de Vigo), Iratxe Retolazza Gutiérrez (Universidad del País Vasco/Euskal Herria), Cristina Tamames Gala (Universidade de Santiago de Compostela).
Duración: 2020-2023. Entidade financiadora: Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Contía da subvención: 56.870,00€.