–
O dicionario contén 32.000 entradas e constitúe unha contribución extraordinaria á lexicografía da lingua galega.
–
O mércores 20 de outubro ás 12.00 h terá lugar no Salón de Graos da FFT a presentación do Dicionario do Galego de Asturias (DGA). Este volume é a obra magna de Carlos Xesús Varela Aenlle, doutor pola Universidade de Vigo e académico correspondente da RAG polo Eo-Navia.
O dicionario de Varela contén 32.000 entradas ao longo de 800 páxinas e constitúe unha contribución extraordinaria á lexicografía da lingua galega. A obra estrutúrase en entradas, refráns, frases feitas e lugares de recollida do termo.
Carlos Varela percorreu as terras do Eo-Navia recollendo o léxico desta zona. Gravou e anotou, baleirou todo o escrito en galego de Asturias nos últimos 150 anos, transcribiu as miles de fichas léxicas inéditas de Dámaso Alonso gardadas en caixas nos sotos da RAE etc.
Podemos ver o resultado destes vinte anos de traballo neste coidado libro, editado grazas ao interese e o esforzo do Servizo de Publicacións da UVigo.
Na presentación do volume intervirán:
- Jorge Luís Bueno Alonso (director do Servizo de Publicacións da UVigo)
- Xosé-Henrique Costas González (catedrático de Filoloxía Galega da UVigo)
- Carlos Xesús Varela Aenlle (autor do DGA e académico correspondente da RAG para o Eo-Navia)