O pasado curso académico, alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense traballou arredor da figura da homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, a escritora Xela Arias. Entre outras accións, realizaron unha serie de audiovisuais inspirados na súa obra. Unha das curtas feitas, titulada Amor de Nai, foi premiada no I Festival de Cine Escolar que organiza a Facultad de Educación da Universidad de Zaragoza.
O certame, explican desde a súa organización, “é unha nova iniciativa de innovación pedagóxica” cuxo “obxectivo non é outro que o de recoñecer, pór en valor e facer difusión dos mellores traballos audiovisuais de Primaria e Secundaria seleccionados por festivais escolares de cinema nacionais, xunto ás mellores pezas procedentes das facultades de educación do estado, así como promover a utilización do cinema como ferramenta e recurso didáctico entre o alumnado de todos os centros e certames participantes”.
Na categoría de facultades de educación, catro pezas feitas por alumnado da UVigo arredor da figura de Xela Arias quedaron finalistas. Trátase das obras Conxélame destino; Meus doces cantares; Amor de nai e Xela Arias. O poema somos nós. Finalmente, Amor de nai acadou o 2º Premio á Mellor Curtametraxe Nacional.
A curta galardoada foi realizada polas alumnas e alumnos do campus de Ourense Iria Rodríguez, Adrián Rodríguez, Daniel Sampayo, Víctor Seara e Fernando Toja “a partir da reinterpretación persoal de tres poemas de Xela Arias”, concretamente poemas dos libros Darío a Diario, Intenpériome e Denuncia do equilibrio. Elas e eles foron os encargados de realizar todo o proceso da obra, desde o guión e gravación ata a actuación e edición. A súa temática céntrase na dor que causa un embarazo que non sae adiante.
“Na primeira parte da curta empregamos o poema de Darío a Diario para representar a protagonista feliz de imaxinarse a si mesma coa súa pequena, paseando e amosándolle o mundo”, explican as e os autores da peza. Unha chamada do xinecólogo encargado de efectuar o seguimento do embarazo dará comezo no audiovisual á segunda parte e ao poema Intenpériome. “A partir dese instante, a muller vese sumida nun círculo de estrés, frustración e desesperación, pois o seu instinto dille que algo moi malo está por sucederlle ao bebé”, sinala o alumnado. Xa no hospital, indican as e os autores da curta, “o médico transmítelles á muller e máis ao seu marido a mala noticia e, con isto, precipitámonos cara ao desenlace da historia por medio do terceiro poema, incluído no libro Denuncia do equilibrio”.
O audiovisual premiado, ao igual que os demais presentados desde a UVigo, formaron parte da programación arredor da conmemoración no campus de Ourense do Día das Letras Galegas 2021, que levou por lema O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias e que estivo organizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social baixo a coordinación do profesorado Ana Iglesias, Isabel Mociño, Fernando Dacosta e Mercedes González.
No marco da materia de Lingua Galega, as e os estudantes traballaron coa reinterpretación e reelaboración da obra de Xela Arias en formato audiovisual. Non se tratou, explica o profesor da materia Fernando Dacosta, dunha plasmación literal e literaria da súa obra en formato audiovisual senón que o alumnado partiu da obra da escritora e traballou o que lle suxeriu en cada caso. Os vídeos foron proxectados ao público no Edificio de Ferro durante os actos de conmemoración do Día das Letras Galegas 2021. Todas as pezas poden visualizarse aquí.
[Fonte: DUVI]