Letras Galegas con voz de muller: De Rosalía de Castro a Xela Arias

Este xoves 13 de maio tivo lugar en Ourense o acto de conmemoración das Letras Galegas da Universidade de Vigo. Contou coa presenza do reitor, o director da Área de Normalización Lingüística, os decanos das Facultades de Filoloxía e Educación, e a familia (nai e irmán) de Xela Arias.

Xela Arias é quinta muller homenaxeada dende que se iniciou a efeméride da Letras Galegas, de aí que dende a organización do acto escolleran un título que une as voces da primeira e a última homenaxeada.

A actividade foi impulsada polo profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social, coas profesora do noso departamento Ana Iglesias, amiga e compañeira de estudos de Xela Arias na universidade, e Isabel Mociño á cabeza.

A homenaxe comezou coa presentación da mostra fotográfica Xela Arias. A poesía do retrato, que ocupará ata o vindeiro 21 de maio os xardíns do campus ourensán. Esta exposición conxuga poemas da autora e retratos seus realizados por Xulio Xil, quen se encargou de inaugurar a mostra.

Exposición Xela Arias. A poesía do retrato

A continuación tivo lugar a entrega dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución 2021, convocados pola Área de Normalización Lingüística da UVigo. De seguido, o acto contou cunha conferencia da filóloga Chus Nogueira baixo o título A independencia total e gratuíta. A vida e a obra
de Xela Arias
.

O acto rematou coa actuación de Clara Pino, acompañada de Pablo Vidal, quen puxeron música a poemas de Rosalía de Castro e de Xela Arias.

Máis programación

Este acto de homenaxe integra no marco doutras actividades organizadas na Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social, como son os traballos audiovisuais e dramatúrxicos realizados polo alumnado a partir da reinterpretación da obra de Xela Arias. Estes traballos desenvolvéronse baixo a titorización dos docentes do noso departamento Fernando Dacosta e Mercedes González e poden visualizarse aquí.

Ademais, a programación continúa o próximo venres 21 de maio, cun segundo acto que contará coa participación de María Yáñez e Emma Pedreira e onde se presentarán os traballos do alumnado inspirados na
obra de Xela Arias. Poderase seguir en directo na seguinte ligazón.

[Información e imaxe tomadas do DUVI]