Para dar cumprimento a unha das demandas da Fundación Morgan, de que a exposición do Pergamiño Vindel estivese arroupada por actos académicos, o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo acordou celebrar un simposio internacional sobre as cantigas de Martin Codax e a lírica medieval, un ciclo de conferencias e elaborar un libro de traducións das cantigas. Para organizar esas actividades, en consello ordinario de departamento o día 9 de setembro de 2015, nomeuse unha comisión formada pola profesora Camiño Noia Campos (coordinadora) e polos profesores Alexandre Rodríguez Guerra (secretario), Henrique Costas González (director do Departamento) e Bieito Arias Freixedo (especialista en literatura medieval), segundo figura na acta 150 da sesión dese día.
A comisión comezou a traballar en colaboración coa Vicerreitora de Estudantes e o Vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais na procura de financiamento para preparar un programa das actividades. Despois de varias xuntanzas entre os membros da Comisión e os Vicerreitores, acordouse que o Departamento de Filoloxía Galega se limitase á organización dun simposio, de conferencias e á publicación de dúas obras. Unha delas cos textos dos relatorios impartidos no simposio internacional e os celebrados ó longo de varios xoves entre os meses de outubro a febreiro. A outra obra trátase dun libro de traducións das sete cantigas de Martín Codax a varias linguas.
Foron meses de intenso traballo para os membros da comisión. Houbo que repartir tarefas e poñer en común o traballo feito. Finalmente conseguiuse traer a Vigo importantes especialistas en lírica e lingua medieval desde Portugal, Brasil, Italia, Francia e Galicia para participar no simposio. O mesmo aconteceu coa busca de tradutores a linguas europeas, americanas, africanas e asiáticas.
Un traballo que está dando os primeiros froitos vendo o entusiasmo co que importantes investigadores na materia acolleron o convite e como os tradutores das cantigas se esmeraron en versionar, gratis et amore, as cantigas na súa lingua.
E todo iso, ademais do traballo realizado polos profesores da comisión do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, foi posible grazas á xestión da Reitoría da Universidade de Vigo e ó financiamento da Deputación de Pontevedra, así como á dirección da Casa Cambón que tan ben nos acolle. A todas estas institucións agradecémoslles a súa importante axuda.
Navegando polas páxinas desta web atoparase información actualizada constantemente sobre o simposio internacional E irei madr’a Vigo (días 23 e 24 de novembro), o ciclo de conferencias Os xoves do Vindel (do 19 de outubro de 2017 ó 8 de febreiro de 2018) e as traducións de Martin Codax a máis de medio cento de linguas de todo o mundo.
Responderemos calquera dúbida no enderezo comision_vindel@uvigo.es