O libro Contos de ida e volta é un proxecto conxunto das tres universidades galegas co goberno que consiste nunha escolma de contos tradicionais galegos traducidos ao castelán, o francés e o inglés.No acto de presentación do libro, que se realizou no salón de actos de Filoloxía e Tradución, o Vicerreitor de Relacións Internacionais, Iván Area Carracedo, aproveitou para destacar o labor realizado polos tradutores, polos coordinadores Anxo Carpintero e Anxo Fernández Ocampo e para agaradecer as suxestións feitas pola profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia. Despois das intervencións de María Xesús López Escudeiro e Mauro Cid Faílde, responsables das dúas consellerías responsables do proxecto, procedeuse á lectura de tres contos, un en cada unha das linguas que aparece representada no libro. David Willingham, profesor de inglés da facultade realizou a lectura de “The marriageable daughter”; Anxo Fernández foi o encargado de ler o conto “Le renard et le coq” en francés; Eva Garea leu en castelán “El caldo de piedra” e o alumno Xavier Xil leu o conto en galego “Os tres irmaos alleos”.