Camiño Noia en lembranza de Ricardo Carvalho Calero

Neste ano 2020 no que o mundo vive inmerso nunha pandemia sen precedentes desde hai un século, a RAG decide homenaxear no Día das Letras Galegas a don Ricardo Carballo Calero. Decisión que celebro moito, pois se hai alguén merecente da homenaxe polo moito e bo traballo que fixo no ámbito da Literatura galega ese é Carballo, malia, nos seus anos derradeiros, ir au rebours da normativa oficial.

Carballo Calero descobre a Literatura e a cultura galega xa durante os estudos de bacharelato en Ferrol, a cidade onde nace en 1910. Daquela comeza a ler os poetas clásicos galegos e interesarse pola cultura do noso país. En Compostela, a onde vai estudar Dereito, coñece a Luís Seoane, Francisco Fernández del Riego, Lois Tobío e Martínez López, compañeiros da facultade tamén galeguistas. Asiste a un curso sobre fonética histórica, impartido por Lois Tobío, que organiza o Seminario de Estudos Galegos, e a partir daquela vai colaborar con asiduidade na Sección de Literatura. O seu galeguismo increméntase e comeza a facer investigación literaria. A primeira conferencia, logo publicada na revista Nós, faina sobre a poesía galega «Ollada encol da poesía galega contemporánea». Nesta revista publicará outros artigos e preto de dúas ducias de poemas.

Comeza a súa carreira literaria como poeta. O seu primeiro libro, Vieiros, sae en 1931 e séguelle O silenzo axionllado en 1934, nos que o poeta mozo segue modelos dos poetas queridos, Rosalía e Cabanillas, entre outros. En anos seguintes, a sublevación militar contra a II República leva a Carballo a loitar na guerra civil no bando republicano, e, co triunfo dos golpistas, vai á cadea, onde pasa dous anos. No encerro carcerario escribe poesía, xénero que nunca abandonou, e fai tamén narrativa, unha novela, contos e algunha peza de teatro. A novela, A xente da Barreira, que leva o premio de Bibliófilos gallegos, publícase en 1950.

Non me vou referir á súa biografía, que estes días podemos ler en revistas e libros publicados, centrareime nas características da súa personalidade e da súa obra.

A dedicación de investigador a diversos campos da cultura, sempre con rigor e profesionalidade, ademais de creador en todos os xéneros, e de profesor, fai de Carballo un erudito polígrafo.

Despois de saír da cadea, imparte docencia en colexios privados, primeiro en Ferrol e logo no Colexio Fingoi de Lugo, onde creou escola de galeguidade. Nos inicios da década dos anos sesenta, chámao o decano da Facultade de Filosofía e Letras, don Abelardo Moralejo, para que imparta as clases de Lingua e Literatura galegas que se ían implantar na facultade. Vai a Compostela, e alí comparte as clases universitarias coa de secundaria no instituto feminino Rosalía de Castro.

O meu recordo, como profesor de Lingua e Literatura galegas e de Literatura románicas na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Compostela, é a dun mestre erudito, serio, ó tempo que amable e bo comunicador. Aprendín moito nas súas aulas.

A lingua, segunda as súas palabras, interesáballe só como instrumento de creación estética, mais necesitado para as clases que tivo que impartir, fixo a Gramática elemental del gallego común, que centos de discentes seus tivemos que aprender e xa de docente utilizamos nas nosas clases. O libro é un compendio gramatical que trata desde gramática histórica ata dialectoloxía con nocións de sociolingüística, pasando pola fonética, morfoloxía e sintaxe.

Carballo Calero foi esencialmente un historiador da Literatura, ámbito ó que, podemos dicir que, dedicou a maior parte do seu tempo. Teñen gran interese os estudos rosalianos, pioneiros no ámbito literario galego. Mais, deixando á parte, a súa obra de creación, da que eu escollería a poesía, considero que a súa obra magna é a Historia da Literatura galega contemporánea, na que estudamos literatura galega centos de profesores e estudosos, e que é aínda un libro de uso obrigado para quen nos dedicamos á literatura. De acordo coa editoral Galaxia, que lla encargara en 1958, Carballo decide adoptar o criterio filolóxico e incluír só escritores e escritoras con obra, por mínima que fose, en galego, prescindindo dos autores galegos que escriben en castelán. Unha decisión valente naqueles anos da década dos cincuenta cando comeza a elaborala, que foi moi criticada.

A Historia da literatura galega contemporánea é a obra dun erudito que coñece a literatura universal e pode falar das influencias recibidas na dos nosos autores e as nosas autoras. Está estruturada cronoloxicamente colocando a nómina de escritores en grupos diferenciados segundo a súa importancia no sistema literario galego. Un inmenso traballo para o que, ademais da análise literaria, Carballo tivo que visitar rexistros e parroquias onde mirar datas de nacemento e de bautismo de moitos autores, visitar arquivos e bibliotecas para revisar todo o publicado. Unha obra que ben merece ser reeditada.

Quizais, polas características de don Ricardo Carballo, o seu carácter introvertido, a súa erudición e profesionalidade, non se animou, nos seus anos de docente universitario, a crear un equipo investigador para traballar no ámbito da literatura, e ben o lamentamos. Si o soubo facer o catedrático de Filoloxía Románica chegado de Alemaña, don Constantino García, que acolleu a xente máis interesada, do seu alumnado e de don Ricardo, en traballar pola lingua e a literatura galegas, e formou un equipo de lingüistas, desprazando á «autoridade máxima nesas materias». Esa marxinación provocou unha traxedia na normalización.

Eu que vivín circunstancias e acontecementos da etapa de creación do ILGA e da elaboración dos manuais Galego 1, 2 e 3, e que, sempre amiga de don Ricardo, conversei con el sobre o asunto do seu cambio (porque foi un cambio) nas propostas ortográficas, estou convencida de que se debeu a unha razón sentimental. Sinto a súa marxinación das institucións públicas nos derradeiros anos de vida e alégrame que este ano, malia a pandemia, recibise as homenaxes que merece.

 

Camiño Noia Campos

Camiño Noia con Ricardo Carvalho Calero na Coruña