Celebración da Conferencia de Sabela Gago: Animación á lectura para a infancia

Relizouse a conferencia o martes 19 de novembro segundo estaba previsto e tivo moi boa acollida. Asistiron as alumnas e alumnos habituais e varias persoas doutras clases ademais de dúas profesoras. O diario da UVigo tamén estaba presente e fixo unha nota de prensa ao respecto, consultable aquí.

A ponente fixo unha presentación/xogo informal e pasou a falar da animación á lectura facendo participar ás persoas asistentes.

Comezou falando do que aporta a literatura infantil ás cativas e cativos. Referiuse ás condutas adquiridas, e ás que cobre a literatura: apego-afecto, búsqueda (para saír das zonas de confort) e fabulacións (ter respostas a enigmas con lendas, contos).
A literatura ábrenos ás emocións. A importancia da lectura para gozar, para desfrutar, algo que non se debe esquecer por cumprir determinados obxectivos. Ler POR goce, non só ler PARA cumprir eses obxectivos.

Nos anos 80 irrompe o concepto de animación á lectura: ter unha experiencia agradable e positiva a partir dun libro e poder extendelo a outros libros.
A quen non lle gusta que lle lean un conto? Trátase de conseguir que o libro sexa unha elección para o lecer. Atopar o momento para a lectura no mundo que temos, un mundo de tanta inmediatez e rapidez, procurar o silencio, a concentración, o esforzo, valorar o goce e a recompensa diante diso.

Importa partir dos intereses das persoas lectoras, facelo por nós e por elas.
Ti ofreces o que es, por iso é importante que á mestra lle guste ler.
A asociación entre libro e estudo fai que a determinadas idades se perdan lectores.

A animación á lectura pode ser ocasional (supón un cambio de dinámica na clase, pode ser ao redor dunha data determinada, dunha visita de autor/a, pode haber apadriñamento lector -onde un neno/a que sabe ler cóntalle un conto a outro/a que non sabe-) ou continua (a partir da biblioteca -de centro, de aula para que teñan o seu recuncho e poidan achegarse ao libro-, ter a hora do conto -instaurada pero que debe ser flexible e procurar a maxia e o goce-, manter a actividade ao longo do curso).

Referiuse a ponente nun momento ás actividades que poden facer as cativas e cativos e implicar aos pais e nais nas reunións de aula.
A importancia da poesía e o teatro na aula.
Procurar o equilibrio entre a rotina e o hábito para ter a seguridade necesaria para aprender e o cambio de dinámicas para manter a atención e a alerta.

Hai un dobre xogo de estímulo e resposta: a partir de diversos estímulos chegamos ao libro, e o libro é un estímulo para chegar a outros lugares e realizar outras actividades.
O libro é forma e fondo, para a animación á lectura infantil é importante a forma de cara a atraer lectores/as.

Falouse do álbum ilustrado, de libros como O gran libro dos medos, Pequeno azul, pequeno amarelo ou Aquiles o puntiño, do que se fixo unha pequena lectura para amosar a idea de comezar un libro, lelo de xeito estimulante e interromper a lectura nun momento. Quererán continuar lendo, quererán velo, mirar as ilustracións.

Cómpre estruturar o antes da lectura (crear expectativas), o durante (voz suficiente, clara e expresiva) e o despois (actividades a partir do que propón o libro, facer un libro na aula que habitualmente é moi consultado).

É importante:
– Buscar o momento para a lectura depende tamén da flexibilidade da persoa docente
– Elixir o espazo onde se conta.
– Establecer o ritual antes do conto
– Pactar as regras das ‘contadas’ coas nenas e nenos
– Traballar as maneiras de contar, que dependen do por que, do para que e do que pide cada libro.

Finalizou a ponencia cunha lectura expresiva de Gago por merenda.

Cremos que foi unha actividade de moito proveito para alumnas e alumnos que expresaron a súa satisfacción e valoraron o aproveitamento que van ter da mesma.

[Imaxes tomadas do DUVI]