Celebración do Día de Rosalía no Campus de Ourense

No campus de Ourense xa é o terceiro ano consecutivo que celebramos o Día da nosa poeta por excelencia: Rosalía de Castro. Neste caso, o acto tivo lugar o pasado 25 de febreiro cun percorrido polo campus, desde a  biblioteca, que leva o nome da autora, ata o Politécnico, pasando pola escola infantil e o Paseo da igualdade. O percorrido foi acompañado de música a ritmo de rap, a través das versións de Aid dos poemas de Rosalía, e houbo ata dúas paradas para avituallamento, xa que os encargados dos comedores do campus sumáronse á iniciativa “Caldo de gloria”, en honor ao poema “Miña casiña, meu lar”, e ofrecéronnos a todos os participantes unha cunca de caldo, que saboreamos mentres escoitabamos o recitado de poemas. Un pracer para todos os sentidos.

O ton máis lúdico engadírono as máscaras coa silueta da escritora, que cadaquén decorou ao seu gusto, e coas que se podía participar nun concurso, subíndoas a instragram coa etiqueta #uvigorosalia. Na organización da efeméride participa profesorado de distintos ámbitos: historia (Xosé Constenla), educación artística (Javier Blanco), música (Julio Alonso), didáctica da lingua e a literatura galegas (Isabel Mociño) e lingua e literatura galegas (Ana Iglesias e Verónica Pousada). Ademais, a actividade conta co apoio da Área de Cultura da Vicerreitoría do Campus de Ourense e coa colaboración da Biblioteca Rosalía de Castro, a Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Cada ano este grupo de docentes e demais membros da comunidade universitaria propón unha idea diferente para fomentar a creatividade dos participantes a partir da inspiración da figura e obra rosalianas. No 2017 fora un videopoema, no 2018 un microrrelato e neste 2019 a decoración da máscara, á que había que engadir un pensamento, baseándonos no lema proposto este ano pola Asociación de escritores e escritoras en Lingua galega para esta conmemoración: “Do XIX ao XXI: Libre o meu pensamento!”.

A profesora Isabel Mociño destacou a importancia da autora: “Aínda que escribiu no século XIX, moitas das denuncias sociais, das reivindicacións que fixo no seu momento, para a nosa desgraza como sociedade, seguen tendo vixencia. Polo tanto, ten todo o sentido celebrala ano tras ano, día tras día”. E engadiu, “moito do alumnado que hoxe participa nestas actividades son futuros mestres e mestras de Educación Infantil e Primaria e polo tanto transmisores e transmisoras tamén da cultura e do significado desa cultura na que vivimos e nos desenvolvemos”.

O acto, no que participou un centenar de alumnos e alumnas, acabou coa interpretación de dous poemas de Rosalía, a cargo do alumnado de música, a lectura do manifesto, escrito este ano por Ana Romanía e lido polas profesoras Isabel Mociño e Verónica Pousada, e, por último, a entrega de premios. A profesora Ana Iglesias procedeu á lectura da acta do xurado e a decana, Mar García, e a vicerreitora do campus de Ourense, Esther de Blas, procederon á entrega dos premios, que foron outorgados a Alba González (primeiro premio) e Erika García, Cristina Vila e Clara Domínguez (tres accésits).

A profesora Ana Iglesias, a decana Mar García, a vicerreitora do Campus de Ourense Esther de Blas e a profesora Isabel Mociño (ó fondo), que organizou o acto en colaboración coas primeiras, xunto a Alba González, alumna gañadora do Concurso de máscaras, na entrega de premios.

Máis información en:

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/imaxe-palabras-rosalia-castro-percorren-campus

http://www.rtve.es/alacarta/videos/telexornal-galicia/gal-20190225inf/5013761/ (min. 23:23).