O abril máis produtivo para os Estudos Galegos

Logo Final - IconoReproducimos aquí a última nota de prensa da Asociación Internacional de Estudos Galegos:

Oito eventos académicos en distintos países seguen á celebración do Congreso da AIEG en Bos Aires

Alemaña e os Estados Unidos continuarán este pulo, con cadanseu congreso en setembro deste ano e en abril de 2016

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) fai un balance moi positivo do seu congreso trianual, que tivo lugar en Bos Aires (Arxentina) entre os días 6 e 8 de abril, con actividades programadas tamén o día 4 e o 7 de abril para as/os asistentes e a comunidade galega da cidade bonaerense.

O éxito de convocatoria resultou un aspecto sailentábel, xa que o evento contou con máis de 120 asistentes chegados de Galiza, Arxentina, Alemaña, Brasil, Reino Unido, Polonia e Estados Unidos, entre outros moitos países provenientes de catro continentes. O Congreso contou cunha grande participación por parte da comunidade e do asociacionismo galego en Bos Aires. Arredor de 90 persoas inscribíronse nas diferentes actividades e relatorios que se sucederon ao longo dos tres días. Conseguiuse casar a investigación académica e a súa divulgación, grazas á implicación e axuda dos numerosos colectivos galegos bonaerenses.

O outro aspecto que cómpre destacar é a gran variedade de enfoques, perspectivas e disciplinas que compartiron espazo en Bos Aires e desde as que se fixeron achegas ao campo dos Estudos Galegos, o cal reflicte o seu estado dinámico e en expansión. Galiza, como campo de estudo, ten dinámicas e conflitos de seu, pero tamén está inserida na complexidade global. De aí a necesidade dunha diversidade de achegas dende diferentes puntos de vista que se encarnaron no congreso grazas á multitude de propostas e análises dos diversos campos de investigación, que abranxeron desde a lingüística e a literatura ata a economía, pasando polas humanidades dixitais.

Durante a celebración da Asemblea Xeral saíu elixida nova xunta directiva da AIEG para o período 2015-2018, encabezada por Carmen Mejía Ruiza, profesora titular da Universidade Complutense de Madrid e responsábel do Centro de Estudos Galegos desta cidade. A vindeira edición do Congreso da AIEG celebrarase en Madrid en 2018.

Oito eventos académicos internacionais no mes de abril

A boa saúde dos Estudos Galegos resulta evidente neste produtivo mes de abril de 2015, nos que se desenvolveron oito eventos académicos relacionados cos Estudos Galegos en Irlanda, Gran Bretaña, Francia, Polonia, Brasil, Portugal e os Estados Unidos. Estas citas demostran tamén que os Estudos Galegos se van asentando nas axendas de investigación con estratexias que navegan entre dous polos: dunha banda, eventos académicos que visibilizan a existencia dos estudos galegos, e da outra, a infiltración noutros eidos de investigación, onde as problemáticas de Galiza teñen moito que achegar para a comprensión de fenómenos tan complexos como a migración, a xeopolítica ou a globalización. Con todo, estes dous eixos de actividade non se exclúen mutuamente e pódense combinar de xeitos diversos para propiciar outras propostas e formatos na internacionalización dos Estudos Galegos.

Na liña de visibilización destes estudos, entre o pasado 13 e 15 de abril tivo lugar o I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos (I EBEG) na Universidade Federal da Bahia (Brasil). No ámbito anglófono desenvolvéronse tres eventos que avanzan tamén neste sentido. Nestas mesmas datas, na University of Exeter (Reino Unido) cumpriuse o décimo aniversario da posta en marcha dun panel específico sobre Estudos Galegos dentro da celebración da Annual Conference of the Association of Hispanists of Great Britain and Ireland (AHGBI), que cada ano incrementa o número de relatorios e participantes. Na veciña Irlanda, púxoselle o peche ao mes de abril co Simposio Texts and Identities: A Symposium on Contemporary Galician Studies na University College Cork (Irlanda) o día 28. Uns días antes, o 24 de abril en terras norteamericanas tivo lugar o Simposio Galician Studies North America: Creating Community, Bridging Gaps, na University of Wisconsin-Milwaukee (Estados Unidos), abrindo camiño para o vindeiro 2016 cando, na tamén estadounidense University of Michigan-Ann Arbor, terá lugar o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos: Renovación académica, comunicación artística e innovación social entre os días 20 e 23 de abril. O prazo para envío de propostas está aberto até o 15 de novembro. Máis información en:

http://www.lsa.umich.edu/UMICH/rll/Home/Events/North%20American%20Symposium%20of%20Galician%20Studies/GALICIAN.pdf

Na outra extrema, están os eventos académicos que encadran os Estudos Galegos noutros problemas transversais, como o que se desenvolveu na University College Cork (Irlanda),Translation, Language and Performance on the Galician Stage (entre os días 1 e 2 de abril); na Université Sorbonne Nouvelle-Paris 3 (Francia), Poétiques et politiques du corps dans la contemporanéité (entre o 9 e 10 de abril); na Universidade de Varsovia (Polonia) co congreso Literatura, comunidad, memoria: transición de los discursos de la transición os días 16-18 de abril; e, por último, na Universidade Nova de Lisboa (Portugal) coa palestra sobre Feminismos e literatura infantil no Estado espanhol: un olhar da história literária e da história da educação o día 22 de abril. En liña con esta mesma estratexia, está aberta a chamada á comunicacións para a sección de Estudos Galegos, dentro do 11º Congreso Alemán de Lusitanistas, que terá lugar en Aquisgrán (Alemaña), o próximo 16 de setembro de 2015. O seu título é  “Cibercultura, linguaxes e medialidade. Hibridación e conflito nos espazos xeoculturais galego e lusófono” e o prazo para o envío de propostas está aberto até o vindeiro 20 de maio. Máis información en: https://welttheaters.wordpress.com/2015/02/21/call-for-papers-cibercultura-linguaxes-e-medialidade-hibridacion-e-conflito-nos-espazos-xeoculturais-galego-e-lusofono/

Prégase máxima difusión.

Apertas galicianistas.

Para máis información poden contactar cxs membrxs do comité organizador de Congreso da AIEG en Bos Aires:

Gabriel Pérez Durán, lorientado@gmail.com

Olga Castro, o.castro@aston.ac.uk