A Fundación Rosalía de Castro vén de abrir unha campaña de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa de Rosalía, “que é a causa común de Galicia”, en palabras do seu presidente Anxo Angueira.
Desde xa calquera persoa poderá converterse en Amiga ou Amigo da Casa de Rosalía e apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira. Os pequenos negocios tamén poderán facerse Protectores (desde 60€/ano) e as grandes empresas poderán exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros. Desde hoxe tamén é posible colaborar con esta institución a través do voluntariado.
Este novo proxecto da Fundación Rosalía será presentado o sábado 29 de novembro ás 18.30 no Culturgal (Espazo Foro) e calquera persoa ou entidade pode unirse desde xa alí mesmo, onde esta entidade ten un stand propio, na propia Casa-Museo ou a través da súa web, que hoxe se renova por completo con moitas novidades, entre elas a sección Colabora.
Segunda subscrición popular
A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.
Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.
Autofinanciamento do 41%
A Casa-Museo xa ten unha taxa de autofinanciamento do 41% (2018, que evoluciona desde un 20% en 2012), cifra considerable na nosa contorna cultural, “mais entendemos que cómpre aínda percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de Rosalía e da súa familia”, afirma Anxo Angueira, presidente da Fundación. A evolución das visitas á Casa tamén é positiva: incrementáronse desde 2012 ata 2018 nun 237% (de 8.655 a 20.571).
A Fundación Rosalía quere continuar neste vieiro para “asegurar o seu presente e, sobre todo, o seu futuro, para seguir avanzando na mellora da Casa-Museo, da súa xestión e dos seus servizos”, continúase desde a Fundación, que afirma que é xa un dos museos galegos máis visitados “e debe estar na vangarda cultural e ser un referente a nivel nacional e tamén internacional”.
Anxo Angueira, referencia actual da institución rosaliana, salienta que “aínda que somos escoitados polas institucións públicas de Galicia, queremos que o esforzo colaborativo sexa tamén un esforzo comunal e compartido polo pobo galego, que sempre foi xeneroso con todo o que tiña que ver con Rosalía para que a Casa da Matanza e as súas instalacións sexan dignas da figura que representan”.
Proxectos e actividades desde 2012
A Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades desde 2012. Alén da desexada reforma do interior da Casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizouse a súa presenza na web e nas redes sociais; incrementouse o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; publicouse a súa Obra completa, entre outros libros; relanzouse a celebración do Día de Rosalía e puxéronse en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas.
[Texto e imaxe tomados de rosalia.gal]
COLABORA COA FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO
•
Faite Voluntaria/o da Casa de Rosalía
(só persoas físicas)
Faite Amigo/a da Casa de Rosalía
(só persoas físicas)
Faite Protector/a
(persoas físicas e xurídicas)
Faite Mecenas
(persoas físicas e xurídicas)