Homenaxe a Ramón Gutiérrez Izquierdo

O pasado venres día 22 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense celebrouse un acto de homenaxe ó profesor Ramón Gutiérrez Izquierdo co gallo da súa xubilación. Na mesa o homenaxeado estivo acompañado pola decana Mar García e mais por Ana Acuña, Ana Iglesias, Xosé-Henrique Costas e Alexandre Rodríguez, compañeiras/os do Departamento de Filoloxía Galega e Latina. Ó acto asistiron colegas do centro, do departamento e antigas/os alumnas/os, que sorprenderon o homenaxeado nun acto en que tamén se presentou unha publicación dedicada a el.

Ademais das intervencións, que salientaron o compromiso coa esixencia e a educación de Ramón Gutiérrez Izquierdo, proxectouse un vídeo cunha fotobiografía do homenaxeado.

“Eu creo que esta homenaxe había que facela a todos os alumnos que tiven e que quixeron aprender con esforzo, con traballo, porque eu non concibo doutra maneira a aprendizaxe”, salientou Gutiérrez Izquierdo, facendo extensible esta dedicatoria a “todas as persoas que me tratastes no departamento e que pese a iso me facedes este acto” (DUVI).

Alén de darlle un agasallo ó profesor agora xubilado, durante o acto tamén se presentou o libro titulado Homenaxe a Ramón Gutiérrez Izquierdo publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Trátase dun volume interdisciplinar, coidadosamente editado e que, baixo a coordinación dos membros do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Ana Acuña, Ana Iglesias e Xosé-Henrique Costas, recompila un total de 14 contribucións. Son as seguintes:

“«No principio foi a viaxe». Achegamento ao macrotexto de Isaac Xubín” (Ana Acuña Trabazo)

“Para unha caracterización histórica do vangardismo posmoderno na literatura galega dende Rompente a Antón Reixa e Suso de Toro” (Burghard Baltrusch)

“A Beat Generation nas traducións poéticas de Álvaro Cunqueiro” (Xosé-Henrique Costas González)

“Bibliografía completa (1842-2018) de Marcial Valladares” (Xosé Antonio Fernández Salgado)

“As dúas polarizacións básicas da escrita casariana” (Manuel Forcadela)

“De Izquierdo a esquerda e left: léxico, fraseoloxía e onomástica” (Víctor Fresco Barbeito)

“A caracterización do lobo a través das expresións figuradas galegas que o teñen como referente” (Andrea González Pereira)

“Consecuencias do Decreto do plurilingüismo (79/2010) no proceso de adquisición lingüística” (Ana Iglesias Álvarez)

“A música como ferramenta de normalización lingüística e cultural: o caso de «Sonárbore»” (Isabel Mociño-González)

“Noticia e reivindicación de Pedro Boado” (Gonzalo Navaza)

“Os animais na Literatura Infantil e Xuvenil: Fina Casalderrey” (Verónica Pousada Pardo)

“Debuxos, caricaturas e poemas a Miguel de Unamuno dos seus galegos coevos” (Alexandre Rodríguez Guerra)

“Lingua e migración na diáspora: unha cala a través de distintos campos asociativos” (Xosé Soto Andión)

“Resultados das terminacións latinas -ANU(M) e -ANA(M) no galego moderno: descrición e interpretación do contínuum sintópico” (Xosé Manuel Pérez Sardiña)

GALERÍA

Mar García, Ana Iglesias, Alexandre Rodríguez, Ramón Gutiérrez, Ana Acuña e Xosé-Henrique Costas no inicio do acto
Ana Iglesias, Alexandre Rodríguez, Ramón Gutiérrez, Ana Acuña e Xosé-Henrique Costas intervención do homenaxeado
Ana Iglesias, Alexandre Rodríguez, Ramón Gutiérrez, Ana Acuña e Xosé-Henrique Costas na fin do acto
Vídeo proxectado durante a homenaxe
Cuberta do libro Homenaxe a Ramón Gutiérrez Izquierdo