
Hai 200 anos nacía en Vilancosta (A Estrada) Marcial Valladares Núñez (1821-1903), fillo de Xosé Dionisio (“O Intendente”) e de María de la Concepción. O nome viñéralle dado polo pola batalla contra os franceses en que participara o pai na localidade vasca do igual nome.
Marcial Valladares é unha figura central do Rexurdimento do XIX. Como literato, fixo parte dos “precursores” que arredor de 1840 comezaron a usar o galego como lingua lírica. Xa despois, escribiría o conto-noveliña Majina, ou a filla espúrea (1870), co que inauguraba o xénero novelístico moderno en galego.
Como lingüista publicaría en 1884 o Diccionario gallego-castellano, o mellor do seu tempo, e en 1892 aínda deixaría inéditos os Elementos de gramática gallega. O seu aprecio pola lingua, a literatura e a cultura galegas queda tamén patente no seu labor como colector de cantigas, ditos, refráns, adiviñas, contos, romances, costumes… da boca dos seus paisanos da Ulla.
Vaia, para recordar o bicentenario do seu nacemento, esta biobibliografía que publica Xosé A. Fernández Salgado, profesor do noso Departamento, na Revista de Lengua y Literaturas Catalana, Gallega y Vasca que edita a UNED e mais o retrato que lle debuxou Mayer.