Celebración da charla de Anxos Sumai sobre “Así nacen as baleas”

O xoves 29 de outubro do 2020 celebrouse na Facultade de Filoloxía e Tradución unha conferencia da escritora Anxos Sumai (1960, Oeste, Catoira), organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina.

Anxos Sumai é unha escritora polifacética, que compaxina a súa actividade profesional como bibliotecaria no Consello da Cultura Galega coa creación literaria en diferentes formatos, o que a levou a gañar numerosos premios literarios.

Sumai comezou a súa intervención explicando como a súa traxectoria vital acabaouna por converter en escritora. A fugacidade do relato propio do formato web, co que iniciou a súa andadura, permanece aínda hoxe na brevidade dos diferentes fragmentos dos que se compoñen as súas novelas.

A autora tamén centrou parte da súa conferencia no proceso creativo. Así, Sumai explicou como traballa a partir dunha imaxe arredor da cal constrúe unha historia, e como as personaxes nacen na súa mente e van collendo forma ata que escribir a súa historia se converte nunha necesidade. Falou da necesaria investigación que ten que facer habitualmente para introducir diferentes elementos na historia sen perder verosimilitude e explicou tamén como a súa experiencia vital configura unha parte importante da súa obra, das temáticas, escenas e personaxes que crea, sen ela ser totalmente consciente en moitos casos. Esta pegada vital homoxeneíza toda a súa obra, que xira arredor dun universo común sobre a vida cotiá, os abusos, as diferentes formas de violencia, a busca de felicidade, a desprotección familiar e o maltrato.

Para finalizar, Sumai pasou a analizar a súa obra Así nacen as baleas (2007), gañadora do Premio de Narrativa Breve Repsol YPF (2007) e o Premio Arcebispo San Clemente (2008), outorgado polo lectorado (tamén foi Autora do Ano pola Asociación Galega de Editores no 2007 por esta mesma obra). Reflexionou sobre as personaxes da obra, os sentimentos que moven as diferentes accións das mesmas, e o valor dos obxectos como contedores de memoria e como entes desencadeantes de conflitos.

Así nace as baleas é unha historia de violencia pero tamén de liberación, de como escapar do destino imposto e das fisuras do cotián, que nos recorda que ninguén de nós está libre do que nos acontece.

Na rolda de preguntas participaron activamente as alumnas da materia Análise das obras centrais da literatura galega dende 1975-I do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, que formularon interesantes preguntas e comentarios á autora.

[Imaxe da capa de Así nacen as baleas (2007) tomada da Editorial Galaxia]