Celebración do curso Didáctica da Ficción e Creación Literaria (Ourense)

Desde mediados do mes de setembro, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle, a través do Campus Remoto da UVigo, o desenvolvemento dunha nova edición do curso de extensión universitaria Didáctica da Ficción e Creación Literaria. Nel, unha trintena de alumnos e alumnas do centro aprenden, de xeito teórico e práctico, a mellorar as súas capacidades literarias e narrativas.

A iniciativa está dirixida por Ana Iglesias, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, e Ramón Gutiérrez, profesor xubilado tamén da UVigo e promotor do curso desde as súas orixes. A docencia corre a cargo deles dous e do escritor Xosé Carlos Caneiro. A pesar de estar aberta a matrícula a toda a comunidade universitaria, a trintena de persoas inscritas, apuntan desde a organización da actividade, responde a un perfil maioritario de alumnado de terceiro e cuarto curso tanto do Grao en Educación Infantil como do Grao en Educación Primaria do campus de Ourense. Tamén hai, engaden, algúns graduados e graduadas destas titulacións. “Pensamos que para o futuro profesorado tanto de Infantil coma de Primaria a escrita creativa é unha destreza interesante de adquirir”, indica Ana Iglesias.

“O obxectivo do curso é que os participantes melloren as súas técnicas de escrita narrativa, de creación literaria”, explica Ana Iglesias. Para acadalo, detalla, combínase a formación teórica coa práctica narrativa. Así, durante a primeira parte do curso a programación incluíu semanalmente dúas sesión de teoría e unha de práctica e a segunda parte do curso está centrada na parte práctica. “É un curso enfocado principalmente a que os participantes desenvolvan competencias para a escrita creativa, polo tanto a práctica ten un protagonismo destacado”, comenta a profesora do campus de Ourense.

Na parte teórica, o alumnado asistente familiarizouse coa singularidade da linguaxe literaria, as formas naturais de literatura e os elementos estruturais da narrativa, desde o argumento ata o diálogo. Entre os múltiples aspectos que se abordaron desde o punto de vista teórico tamén estiveron a visión da historia no relato, o tratamento das emocións no texto narrativo ou a irrupción do elemento fantástico na narrativa. Na parte práctica, as e os participantes están a achegarse a aspectos tan diversos da creación como o retrato, o diálogo, a ligazón dos recordos ou a configuración de personaxes. Tamén poñen en práctica a creación a partir do remuíño de ideas, a cohesión estrutural ou a coherencia da temporalidade, entre outros moitos aspectos.

Para que o alumnado dea o paso da teoría á práctica da creación literaria, Ana Iglesias subliña como no curso se xoga co uso de estímulos, “convidando á escrita a partir dunha imaxe, dun texto, dunha película, etc”, “pedíndolle aos estudantes, segundo a sesión que corresponda, que apliquen determinado tipo de técnica a partir dese estímulo”. A este tipo de cursos literarios, detalla a profesora, “xa soe acudir alumnado que lle gusta escribir e desde a primeira actividade que lles pedimos xa se veu que o nivel que tiñan era alto”. Porén, apunta, “si detectamos certas carencias a nivel técnico” que ao longo das sesións se están traballando. “Trátase de que perfeccionen esas técnicas que lles van a axudar a mellorar os seus textos”, comenta Iglesias.

Ao remate do curso, para acadar o seu título, as e os participantes teñen que entregar un texto creativo de dúas páxinas como máximo escrito a partir dun inicio proposto polo profesorado. Á espera de poder avaliar esas achegas, desde a organización da formación subliñan como “estamos moi satisfeitos, tanto pola disposición do alumnado como polo resultados acadados, a súa participación nas actividades está sendo moi alta”. Ademais, engaden, a súa aprendizaxe ao longo do curso “nótase xa a nivel técnico e formal” nas súas creacións narrativas. Por último, destacan a boa resposta das e dos inscritos a pesar das dificultades, apuntan, que supón impartir este tipo de cursos de xeito virtual e non presencial, tal e como se fixo en anos anteriores.

[Texto e imaxes tomados do DUVI]