Celebración do acto de homenaxe ó profesor Antón Palacio

Un agarimo afectuoso e sincero, cheo de cariño e admiración, testemuña do respecto e afecto que sementou ao longo de toda unha vida dedicada á Universidade. A Facultade de Filoloxía e Tradución rendeu este venres homenaxe ao profesor Antón Palacio, xubilado en setembro de 2017, e fíxoo coa entrega dun libro no que colaboraron 28 autores, a maioría colegas do propio Departamento de Filoloxía Galega e Latina, pero tamén do resto da universidade, tanto de Vigo como de Santiago de Compostela, da Real Academia Galega, do Instituto da Lingua Galega e da Asociación Galega de Onomástica.

A homenaxe estivo presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e nela contouse tamén coa participación do decano da facultade, Luis Alonso; o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Alexandre Rodríguez; o director do Servizo de Publicacións, Jorge Luis Bueno, e os editores do libro, os profesores Xosé A. Fernández Salgado e Aquilino S. Alonso. Eles foron as caras máis visibles dun repleto salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, un evento no que coincidiron numerosas caras coñecidas, moitos dos rostros que protagonizaron os primeiros días da hoxe Universidade de Vigo, e numerosos familiares e amigos, entre eles, o ex-presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

“Amor polo traballo e paión pola lingua”

Todos eloxiaron a traxectoria do profesor Palacio salientando o seu papel como “experto en onomástica, meticuloso tradutor, fino corrector de estilo e abnegado docente”. Lembrando a “longa estela de persoas que se formaron ao seu carón”, tal e como apuntou Reigosa, del destacouse o seu “amor polo traballo e paixón pola lingua”, “ a súa capacidade de traballo e de aforro”, “o seu rigor e seriedade máxima”, “a súa elevada esixencia como docente”…

De facer un relato da súa biobibliografía encargouse o profesor Fernández Salgado, editor do libro. No seu relato fixo fincapé en que Antón Palacio dedicou case toda a súa vida á Universidade. Foi profesor durante máis de catro décadas, primeiro mestre de escola, despois profesor universitario en Ourense e Pontevedra e, por último, no campus de Vigo. Ocupou tamén unha ducia de anos o cargo de director do Servizo de Publicacións e, por algún tempo, o de director e secretario de departamento e máis o de decano da Facultade de Humanidades de Vigo, agora de Filoloxía e Tradución.

“Mirando o futuro con optimismo”

Tras a proxección dun emotivo vídeo, con numerosas fotografías da súa vida, desde que era un cativo no seu val de Lemos natal ata a actualidade, Xosé A. Fernández Salgado e Aquilino S. Alonso entregáronlle o libro, agasallo que recibiu emocionado. “Afronto esta etapa con certa tristeza, pero con serenidade, con bo ánimo, mirando o futuro con optimismo”, salientou o homenaxeado, que insistiu tamén en que “non merezo este libro que me fixestes”, e na súa argumentación insistiu en que tivo a sorte de facer sempre un traballo que lle era moi grato, “que me permitía sorprenderme cos traballos dos alumnos e estar sempre en contacto con xente nova, un traballo no que ademais de ensinar aprendía”, subliñou emocionado, ao tempo que agradeceu “tantos anos de amizade”.

Estudos lingüísticos, literarios e de onomástica

O libro organízase en tres seccións segundo os temas tratados: sete estudos lingüísticos, nove literarios e outros tantos de onomástica, principalmente co galego e Galicia de fondo; precedidos por dous relatos sobre a biobibliografía do homenaxeado. Entre os estudos lingüísticos, pódense atopar traballos de gramática sobre os numerais e indefinidos, de edición de textos galegos dos Séculos escuros, tamén da presenza do verbo dicir en textos desta mesma época, de didáctica da oralidade na clases de lingua galega, do tratamento dos marcadores discursivos na lexicografía galega, de funcións semánticas e mesmo unha reflexión sobre a reforma ortográfica en español. 

Os estudos literarios ofrecen análises do epistolario de Virxinia Pereira, dos termos rexurdimento e romanticismo na historiografía literaria galega, da sátira barroca e neoclásica en Portugal, da presenza da alimentación nos contos tradicionais galegos e das relacións de Galdós e Portugal. Ademais, o lector vai encontrar tamén unha compilación bibliográfica sobre Avelino Díaz e lecturas críticas de textos de Carlos Casares, do portugués Mario de Sá-Carneiro e da tradución ó portugués da poesía de José Angel Valente. Xa na sección de onomástica, os traballos abordan estudos concretos de topónimos galegos, do seu tratamento na Galicia exterior, da transliteración do árabe ao galego, da importancia da súa correcta interpretación na lectura de cantigas medievais así coma cuestións referidas aos apelidos foráneos en Galicia, aos pseudónimos de Xesús Alonso Montero e á edición dun caderno manuscrito de toponimia do século XVIII.

 

[Texto e fotos tomados de D. Besadío, DUVI]

Presentación do reitor Manuel Reigosa e intervención do director do Servizo de Publicacións Jorge Luis Bueno
Intervención do director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Alexandre Rodríguez
Intervención do decano da facultade Luis Alonso
Intervención dun dos editores do libro de homenaxe Xosé A. Fernández Salgado
Discurso do homenaxeado Antón Palacio
Peche do reitor Manuel Reigosa