Celebración do simposio E irei madr’a Vigo

Os días 23 e 24 de novembro celebrouse no auditorio da Casa Cambón de Vigo o Simposio Internacional E irei madr a Vigo, con motivo da estadía do Pergamiño Vindel nesta cidade, organizado por unha comisión do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, tal como figura no programa. Durante os dous días, en sesións de mañá e tarde, impartíronse as conferencias programadas, rexistrándose en todas elas un número importante de asistentes que, practicamente, enchían o aforo do auditorio.

Debemos salientar o rigor das disertacións e a seriedade que houbo nos debates ocasionados nas distintas sesións, que mostran o interese da xente sobre a lírica medieval. No conxunto das conferencias podemos establecer varios tipos de análise do Pergamiño e da lírica das cantigas de amigo.

Sobre temas, motivos e personaxes das cantigas falaron o profesor da universidade La Sapienza de Roma, Vicenç Beltran e as profesoras Yara Frateschi Vieira da Universidade Estadual de Campinas e Ria Lemaire da de Poitiers. O primeiro fixo un amplo relatorio dos motivos que aparecen nas cantigas de amigo que se poden atopar xa en literaturas da antigüidade, oriental e occidental e tamén na tradición oral. A profesora Frateschi, a partir dunha cita dun artigo do crego galego Eladio Oviedo y Arce (1864-1918) no Boletín de la Real Academia Gallega moi pouco despois do de Pedro Vindel, en que se refería á historia de amor dunha rapaza, fala de se as sete cantigas asinadas por Codax forman unha secuencia narrativa ou son cantigas independentes. Ria Lemaire, admitindo a orixe popular das cantigas, propuxo interpretar as cantigas de amigo paralelísticas non como produtos do imaxinario masculino tal como viña sendo admitido no discurso académico convencional, senón como relatos onde se poden ver aínda actividades, comportamentos e sentimentos xenuínos das mulleres medievais.

Houbo dúas conferencias sobre a historia do Pergamiño e o tratamento dado por Vindel e por algúns intelectuais galegos no primeiro terzo do século XX, a de Mariña Arbor e a de Xesús Alonso Montero coa que se clausurou o simposio. Os dous conferenciantes fixeron a descrición da historia do Pergamiño desde que foi descuberto por Pedro Vindel en 1914 e este publica o artigo “Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martín Codax, juglar del siglo XIII”. Ambos falaron complementariamente da colaboración de Victor Said Armesto e da publicación de Eladio Oviedo y Arce do “Importante descubrimiento”, expuxeron as xestión de Vindel para que o Pergamiño quedase en España, a ida a Upsala e o que se sabe das circunstancia que acabaron con el na Fundación Morgan de Nova York.

Sobre aspectos da escritura musical e gráfica do pergamiño falaron os investigadores Manuel Pedro Ferreira, da Universidade Nova de Lisboa; Antonio Ciaralli da Universidade de Perugia, acompañado por Mariña Arbor; António Resende de Oliveira da Universidade de Coimbra; Bieito Arias da UVigo e Rip Cohen da Johns Hopkins University. Ferreira explicou que a música de Codax reproduce ritmos que están no canto gregoriano e melodías que aparecen en textos orientais e sorprendeu o auditorio cunha brillante execución vocal. António Resende de Oliveira ofreceu unha proposta para integrar o Pergamiño Vindel na tradición manuscrita dos cancioneiros galego-portugueses medievais. Antonio Ciaralli, acompañado por Mariña Arbor, fixo unha sobresaínte descrición codicolóxica e paleográfica do Pergamiño Vindel e chegou a unha conclusión moi nidia: que todo apunta ó carácter librario deste pergameo medieval. Bieito Arias falou sobre a dificultade de edición da obra codaciana, debida ás variantes e ás aparentes irregularidades rexistradas nos manuscritos, que tanto poden ser interpretadas como erros de transmisión ou como particularidades do autor. Rip Cohen falou do esquema estrófico característico das sete cantigas de Codax e das combinacións métricas en que se concretiza, así como da maxia conseguida polos autores que cultivaron esta modalidade poética por medio da combinación do paralelismo coa técnica do leixa-pren.

Un terceiro achegamento ó Pergamiño foi o estudo da lingua, tratado por Manuel Ferreiro da Universidade da Coruña e Alexandre Rodríguez da UVigo. Ferreiro estudou a lingua das cantigas de Martin Codax dende unha dupla perspectiva: a dos trazos fonomorfolóxicos arcaicos propios do seu xénero (nomeadamente coa conservación do –n- e –l- intervocálicos cando xa desapareceran do galego falado) e a do uso de vocábulos que singularizan a súa produción (senneira ou mirar, por exemplo). Rodríguez Guerra fixo un pormenorizado estudo das oracións que compoñen as sete cantigas, presentando en ilustrativas estatísticas os seus esquemas sintácticos principais e comparándoos cos procedentes dunha escolma de cantigas de amigo e da lírica profana en xeral.

As conferencias de José Antonio Souto e de Ramón Mariño, profesores ambos os dous da Universidade de Compostela, poden constituír un cuarto apartado centrado nos ámbitos de produción da literatura galega medieval. Souto fixo un reparto xeográfico da orixe de xograres e trobadores que asinan as cantigas de amigo, no subtipo de santuario, ben a través da onomástica que aparece nas propias cantigas ou pola súa biografía, chegando á conclusión de que a maioría de autores están situados na zona meridional atlántica. Mariño falou das casas nobiliares galegas que exerceron mecenado con algúns xograres e daqueles das que saíron trobadores; mais, non se detivo na protección exercida sobre os supostos autores de cantigas, Mariño chegou ás casas nobiliares dos séculos XIV e XV que promoveron e subsidiaron as traducións dalgunhas obras narrativas de moda en varios países europeos.

Certamente, os distintos contidos de todas estas conferencias foron de grande importancia para a comunidade académica interesada pola literatura medieval. Neste sentido, agardamos con moita expectación a publicación do libro que recolla as investigacións desenvolvidas por todos estes expertos, investigacións que se atopan na orixe de todas as conferencias deste simposio.

simposioVindel_01_inauguracion
(Inauguración do simposio. De esquerda a dereita:
Camiño Noia, J. Manuel Corbacho, Xosé-Henrique Costas e Xosé Leal)

simposioVindel_02_conferenciantes-23
(Algúns conferenciantes do xoves 23 -de esquerda a dereita-:
Vicenç Beltran, Mariña Arbor, Manuel Pedro Ferreira, António Resende de Oliveira e Ria Lemaire)

simposioVindel_03_YaraFrateschi
(Conferenciante: Yara Frateschi Vieira -fotografía de Manuel Forcadela-)

simposioVindel_04_CamiñoNoia
(Camiño Noia, coordinadora da comisión organizadora -fotografía de Manuel Forcadela-)

simposioVindel_05_BieitoAriasFreixedo
(Conferenciante: Bieito Arias Freixedo -fotografía de Manuel Forcadela-)

simposioVindel_06_ManuelFerreiro
(Conferencia de Manuel Ferreiro)

simposioVindel_07_clausura
(Conferencia de clausura: Xesús Alonso Montero -no medio-; acto de clausura:
Camiño Noia -esquerda-, Luís Alonso Bacigalupe -dereita-)

logoUvi LogoDeputacion