Na vindeira conferencia do día 16 de novembro, o Cronista oficial da cidade de Vigo, Ceferino de Blas, vai falar da cobertura que tivo na prensa galega o descubrimento das cantigas de Martín Codax, primeiro en 1876 na edición do Cancioneiro da Vaticana e en 1914 cando Vindel descobre, por azar, o prego coas sete cantigas e a música de seis forrando un libro de Cicerón.
De Blas falará dos eruditos que naqueles anos se ocuparon de escribir na prensa galega sobre as cantigas: Vesteiro Torres, Said Armesto e Oviedo y Arce, e alonga a súa intervención ata os traballos de Rodríguez Elías e Álvarez Blázquez a partir da década dos anos 50.
Podemos confirmar tamén que a nova data da conferencia de Xosé Xabier Ron Fernández, “Martin Codax: o nome. A onomástica na lírica trobadoresca”, será o xoves 22 de febreiro de 2018 (no auditorio do Edificio Cambón en Vigo ás 19.45).