Cunqueiro máis vivo ca nunca na celebración do seu cuadraxésimo cabodano
O vindeiro domingo 28 de febreiro cumpriranse 40 anos do pasamento de Álvaro Cunqueiro, “o mellor fabulador das literaturas ibéricas do século XX”, segundo Xosé Henrique Costas González, catedrático do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, cuxa Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá entre os días 2 ao 5 de marzo unha serie de actos de homenaxe ao escritor. Se ben, o narrador, poeta e xornalista finou hai catro décadas, o traballo de persoas que estudan a súa obra, segue a dar froitos, sacando periodicamente á luz obras inéditas do autor mindoniense. “Cando Cunqueiro morreu deixou publicados en libro 113 poemas en galego, hoxe temos 400, pois recuperamos poemas de cartas, arquivos persoais, revistas etc. E seguen aparecendo cousas, é un pozo sen fondo sempre a rebordar de auga fresca e limpa”, detalla Costas, que, pola contra, lamenta o inxusto e inexplicable esquecemento que Cunqueiro sofre no panorama da literatura en castelán, “cando as súas novelas nesa lingua son dificilmente superables”.
Precisamente, o recoñecemento e a lembranza do escritor nunha data redonda e a presentación de novos materiais que se van descubrindo da súa obra, son os eixos centrais da homenaxe que Costas, xunto co tamén docente e investigador Manuel Forcadela, o equipo decanal e a dirección do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da facultade, organizou entre os días 2 e 5 de marzo e que será retransmitido en directo a través de UVigoTV. Así, un ciclo de charlas, un concurso de citas da obra de Cunqueiro, a presentación dun libro e a estrea, por unha banda, dun documental sobre a súa obra e, doutra, da musicación de dous dos seus poemas, converterán a vindeira semana á FFT nun dos epicentros das celebracións do 40 cabodano do autor de máis de 20.000 artigos en medio cento de xornais e revistas e obras como Si o vello Sinbad volvese ás illas, Herba aquí e acolá, El año del cometa ou O incerto señor D. Hamlet.
Oito charlas, un documental, un libro e a estrea da musicación de dous poemas
Entre o martes e o venres da vindeira semana sucederanse desde o mediodía oito charlas, nas que poñentes como Xosé Luis Méndez Ferrín, Xina Vega, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Miguel Somovilla, Armando Requeixo ou César Morán, achegarán diferentes visións da poliédrica obra de Cunqueiro, abranguendo desde a pseudonimia e alofonía fantástica, o xornalismo na súa obra literaria, a actualidade da súa produción ou o seu labor como tradutor e anosador. O martes, día de inicio das actividades, e logo da inauguración do ciclo, e o relatorio de Méndez Ferrín, titulado Cunqueiro na literatura galega, terá lugar a estrea en Europa da musicación de dous poemas do autor, a cargo do coro Gli Appassionati. “Nos anos 1940 un compositor vigués, Francisco Rey Ramos, musicou para piano e voz dous poemas de Cunqueiro, ‘Anda a noivar’ e ‘Tiña soño de cristais’, poemas 7 e 13 de Cantiga nova que se chama riveira (1933). Estas composicións viaxaron a Bos Aires, onde a compositora siberiana Angelina Shabalina Vasílieva, directora da coral do Centro Galego Noia-Rianxo, fixo uns arranxos para coro a tres e catro voces e estreáronse en Bos Aires polo anos 1960”, relata o catedrático, en relación coas pezas musicais que agora volven a Galicia desde a emigración bonaerense para seren interpretadas polo coro Gli Appassionati por primeira vez en Europa.
Ese primeiro día de actos en lembranza de Cunqueiro, e logo da interpretación musical, estrearase o documental que sobre a obra do escritor mindoniense realizou Manuel Forcadela, unha versión reducida e mellorade a actualizada do documental que fixera o docente e investigador co seu alumnado no ano 2011. Ao día seguinte, mércores 3 de marzo, e logo de dúas charlas ás que seguirá un debate, terá lugar a presentación do libro Escolma de poesía anosada de A.C. co adaxo do seu cuadraxésimo cabodano, a cargo do autor da antoloxía, Xosé Henrique Costas, e do director do Servizo de Publicación da UVigo, Jorge Luis Bueno. Sobre a selección de poemas que integran este volume, Costas explica que son 50 pezas, traducidas por Cunqueiro de 42 autores suecos, romaneses, hebreos, polacos, holandeses, italianos, franceses, norteamericanos, etc. “O problema é que ningún deses 42 poetas traducidos existe nin existiu nunca. Serán orixinais de Cunqueiro? Probablemente”, sinala o catedrático da UVigo, que se refire ao escritor como “un autor ecuménico que concita todas as admiracións. As súas obras son eternas e as sorpresas que nos segue a dar fan que estea sempre de actualidade”.
Concurso Concita Cunqueiro
As actividades programadas na FFT co gallo do 40 cabodano de Cunqueiro complétanse coa convocatoria do concurso Concita Cunqueiro, destinado a persoas de entre 15 e 30 anos, que deberán presentar, ata o 15 de marzo, unha cita de calquera obra poética, narrativa, teatral ou xornalística da obra de Álvaro Cunqueiro, cunha extensión máxima de tres liñas en prosa e sete versos en poesía, premiándose as tres mellores con galardóns de 300, 200 e 100 euros.
A organización dos actos de homenaxe ao autor mindoniense, aproveitando que as actividades serán retransmitidas en directo, anima a participar nas diferentes actividades programadas, máis aló do alumnado da FFT, ao estudantado doutras universidades, dos lectorados galegos no estranxeiro, centros culturais galegos no mundo, alumnado de institutos etc. “Cunqueiro, de seu, xa xustifica a existencia dunha literatura galega de altísima calidade. Xa quixeran outras linguas ter un Ferrín e un Cunqueiro como temos nós. Somos privilexiados”, afirma Costas.
Podes acceder aquí á programación completa de Cunqueiro XL.
[Texto e imaxes tomadas do DUVI]