Rosalía de Castro, teus doces cantares

Un ano máis, e van cinco, o campus de Ourense unirase este 24 de febreiro á celebración do Día de Rosalía, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, as actividades desenvolveránse nesta ocasión en formato virtual e prolongaranse ata marzo.  

“Cremos que reivindicar a voz da escritora fundacional da literatura galega contemporánea é unha necesidade e unha forma tamén de crear cohesión social e de recoñecérmonos e reivindicármonos”, comenta Isabel Mociño, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social en nome da organización. Tendo en conta a perda de falantes entre as novas xeracións que se está producindo, a docente sinala a importancia de, desde esta facultade, concienciar ao seu alumnado, futuros mestres e mestras, da importancia de transmitir a lingua e a cultura galegas. Este ano, explica Isabel Mociño, “dada a particular situación que temos e que nos impide levar a cabo actos presenciais, decidimos que as tres actividades principais que imos desenvolver arredor do Día de Rosalía van a consistir en material audiovisual creado por membros da comunidade universitaria”. Os materiais publicaranse na páxina web da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense a partir do 24 de febreiro e durante as seguintes semanas, prolongándose a acción ata marzo. Nas actividades colaboran a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüísitica e a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, ademais da propia Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Tres actividades

O primeiro dos materiais que poderá ver o público é un vídeo no que diferentes membros da comunidade universitaria da UVigo len versos da obra de Rosalía de Castro Miña Santiña, miña santasa, elixida este ano para protagonizar o Día de Rosalía. “Decidimos pór ese poema en diferentes voces, participando no vídeo alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, para de algún modo seguir revivindo este poema e a propia obra de Rosalía”, comenta Isabel Mociño. Este material, titulado Teus doces cantares. 12 meses 12 estrofas, será publicado na páxina web da facultade organizadora o día 24 de febreiro.

A segunda das accións, titulada Do Santiago do 53, ao Ourense do 21. Do cólera á covid: repensar/reler o mundo da pospandemia, toma como referente o manifesto deste ano do Día de Rosalía da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, ao que tradicionalmente se dá lectura nos actos do 24 de febreiro. Tendo en conta como o texto, asinado por Ana Figueiredo, fala “da converxencia do pasado e o presente”, a facultade fixo un convite, dirixido principalmente ao seu alumnado, a presentar vídeos “que reflexionen sobre que expectativas teñen de como vai a ser o mundo despois de que pase esta pandemia”. A idea é, indica Isabel Mociño, “pórnos na pel da Rosalía moza, que con 17 anos estaba vivindo a pandemia do cólera no ano 1853, que afectou sobre todo a Santiago de Compostela, e reflexionar sobre como pode ser o noso mundo trala pandemia da covid”. Trátase, apunta a docente, de “repensar o noso mundo como no seu momento fixo Rosalía e ver como o que ela escribiu segue tendo en moitos casos unha vixencia total, porque ao final os conflitos humanos e existenciais seguen estando aí, no noso día a día”.

Por último, e seguindo o fío do manifesto e da propia obra de Rosalía, a terceira liña de traballo da conmemoración no campus de Ourense deste Día de Rosalía é a emigración. Baixo o título A diáspora. De Rosalía ao século XXI. Unha constante no tempo, esta idea materializouse no convite por parte da organización a persoas que teñen algún tipo de vinculación coa Universidade de Vigo a realizar un vídeo lendo parte do manifesto deste ano do Día de Rosalía. Froito desta participación, indican desde a Facultade de Educación e Traballo Social, “o que queremos facer é un pequeno mapa do mundo virtual, onde persoas de diferentes partes do mundo dan voz a esa reivindicación da actualidade e da vixencia da nosa autora fundacional”.   

[Texto e imaxes tomados do DUVI]