“Dígocho a ti”, recursos colaborativos para a aprendizaxe da lingua

Os docentes Ana Sande e Josecho de la Torre, do CSC Placeres, presentaron este martes 27 de abril o seu proxecto Dígocho a ti! ao alumnado de Ciencias da Educación.

A falta de recursos educativos dixitais que poidan empregarse nas materias de lingua galega foi a motivación que levou a estes profesores a pór en marcha Dígocho a ti!, un proxecto no que converten a estudantes de infantil, primaria e secundaria en protagonistas da súa propia aprendizaxe.

Inspirándose no programa da TVG Dígocho eu, os docentes implicaron a alumnado de diferentes niveis educativos na realización dunha serie de vídeos que afondan no vocabulario e nas normas ortográficas e gramaticais do idioma e que este martes presentaron ao alumnado do grao en Educación Infantil nunha conferencia virtual promovida pola profesora Ana Acuña.

Organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina e a comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, esta conferencia buscaba achegar o alumnado “unha experiencia de ensino do galego e en galego que pode serlles de moito interese”, como sinalou Acuña.

Presentados polos estudantes Ana Rodríguez e David López, Sande e De la Torre, dous profesionais formados no campus pontevedrés, afondaron tamén co alumnado noutra serie de experiencias docente baseadas no uso, explicaron, dunha “metodoloxía activa, participativa e colaborativa” que converte aos e ás estudantes “en protagonistas e transmisores da súa aprendizaxe”.

Unha proposta nacida da ausencia de materiais en galego

Dígocho a ti, explicou Sande, titulada en Maxisterio e en Belas Artes, “xurde para dar un maior pulo á nosa lingua debido á falta de recursos dixitais coa que nos atopamos os profesores que impartimos esta materia”. A iniciativa céntrase na realización e difusión a través da rede dunha serie de vídeos que abordan diferentes cuestións relacionadas coa lingua galega

O “primeiro capítulo”, apuntou De la Torre, tamén titulado en Maxisterio, centrouse no feito de que “en Galicia temos máis de cen palabras para referirnos á chuvia ou a fenómenos relacionados con esta” e tivo como protagonistas a nenos e nenas infantil e primaria, mentres que estudantes de secundaria protagonizaron segunda entrega, centrada en cuestións meteorolóxicas.

[Texto e imaxes tomadas do DUVI]