No ámbito do III Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con Barqueira e Remador” (coordinado pola poeta Yolanda Castaño), realizouse o 16 de outubro unha Mesa Redonda – Recital no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, organizado polo grupo GAELT. O obradoiro congregou, nesta ocasión, a 7 poetas de recoñecido prestixio en lingua inglesa/chinesa, sueca, romanesa, letoa, éuscara, checa e galega. Todos cumpren o dobre perfil de seren poetas recoñecidos/as dentro dos seus sistemas literarios e, á vez, solventes tradutores/as literarios con obra publicada. A lingua franca ou vehicular do obradoiro foi o inglés, idioma ao que se traduciron os textos de apoio cos que se traballou, sempre a carón dos orixinais (unha selección de ata 7 páxinas por autor/a). Na Mesa Redonda – Recital o grupo de poetas fixo unha breve reflexión sobre a selección de poemas cuxa tradución ao galego recitou despois Marilar Aleixandre. Os poetas convidados/a a esta terceira edición do Obradoiro “Con barqueira e remador” foron: Karlis Verdins (Letonia), Katerina Rudcenkova (República Checa), Leire Bilbao (Euskadi), Marilar Aleixandre (nacida en Madrid e cuxa obra literaria se desenvolveu en galego), Alvin Pang (Singapur), Catharina Gripenberg (Finlandia) e Cosmin Perta (Romanía).