O departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo está de loito polo falecemento do profesor don Celso Rodríguez Fernández, que morreu a pasada noite (xoves 10 de xuño), con 89 anos, despois dunha longa enfermidade.
Don Celso foi catedrático de latín na Universidade de Vigo, nunha longuísima vida docente universitaria, que encetou en 1966 en Salamanca, continuou en Compostela e terminou en Vigo no ano 2010. Pero cando don Celso iniciou a súa carreira como latinista, levaba xa realizado un notable labor como teólogo, área en que se doutorara en 1961 na Universidade Gregoriana de Roma. Esta dupla formación, como teólogo e como filólogo, cimentaba a súa autoridade como experto en latín medieval e en historia da liturxia, e a el debémoslle a publicación de obras como o Antifonario Visigótico de León, a Paixón de San Pelaxio ou a Paixón de Santa Columba do Códice Pasional da Catedral de Tui.
Cando se creou o Colexio Universitario de Vigo (apéndice da universidade compostelá do que xurdiría a actual Universidade de Vigo), don Celso iniciou a súa docencia nesta cidade, non só como profesor de latín, senón tamén como xefe da sección de Filoloxía. Máis tarde, entre 1994 e 1998, foi decano da Facultade que daquela se chamaba “de Humanidades” e que hoxe chamamos “de Filoloxía e Tradución”.
Pódese dicir, sen esaxeración, que moitos miles de profesores de humanidades, tanto de bacharelato coma de universidade, foron discípulos seus nun momento ou outro dos seus estudos, e eles/as son o mellor testemuño da súa valía como mestre e como persoa. Sabemos que don Celso, un humanista cristián convencido da perfecta conciliación entre razón e fe, non querería que estivésemos tristes neste momento. Os que fomos os seus compañeiros e os seus discípulos recordamos agora a súa tolerancia e simpatía, e a calor deste recordo agarímanos neste momento de tristura.
[Imaxes tomadas do DUVI]