Protagonismo do alumnado na homenaxe a Xela Arias

O pasado venres 21 de maio finalizou a programación no campus de Ourense co gallo do Día das Letras Galegas. Na Facultade de Educación e Traballo Social celebrouse un segundo acto de homenaxe baixo o nome Día das Letras Galegas. O Día das Letras con voz de muller.

A actividade foi coordinada polos docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Ana Iglesias, Fernando Dacosta e Mercedes González, xunto coa vicedecana da facultade Isabel Mociño e coa colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución e a Área de Normalización Lingüística.

Na benvida interviron Xosé Manuel Cid, decano da facultade organizadora, a profesora Ana Iglesias e Xandre Rodríguez, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo. Todos eles destacaron o valor da figura de Xela Arias e a implicación do alumnado na súa homenaxe.

Durante ao acto proxectáronse os traballos audiovisuais realizados polo alumnado inspirados na obra poética de Xela Arias. Todas as pezas poden visualizarse aquí.

Baixo a dirección do profesorado, o alumnado profundizou cos seus traballos naquilo que lles suxerían os textos da escritora. O resultado son vídeos que van máis alá do poema e invitan á reflexión.

Tamén estivo presente Darío Gil Arias, fillo da escritora, quen agradeceu que o alumnado se sumase deste xeito á homenaxe a súa nai.

Por outra banda, María Yáñez ofreceu unha conferencia titulada Tras os pasos de Xela Arias. Nela explicou os pasos que seguiu para facer a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada.

A actividade rematou coa actuación do músico e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Xosé Constenla, que tocou varias pezas do seu último traballo O globo vermello, precedidas da lectura de poemas de Xela Arias.

[Imaxes tomadas do DUVI]