O ciclo de conferencias titulado Os xoves do Vindel é unha actividade académica da Universidade de Vigo organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina. Celebrarase ó longo de seis xoves distintos entre outubro deste ano e febreiro de 2018 para acompañar a estadía na nosa terra do Pergamiño Vindel, peza central da exposición do Museo do Mar “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”. De cada unha destas conferencias encargarase un experto distinto.
Estes especialistas que participarán no ciclo Os xoves do Vindel falarán sobre algunhas das cuestións máis relevantes que se derivan da análise deste testemuño histórico: a vertente literaria da obra codaciana e o seu encadramento na lírica europea medieval; as dificultades que presenta a lectura e a interpretación das notacións musicais transmitidas polo pergamiño; a cuestión do propio nome e a identidade difusa do xogral Martin Codax; as circunstancias históricas e sociais en que podemos encadrar a produción desta arte requintada e tamén a recepción do Pergamiño Vindel no momento da súa descuberta a principios do século XX.
Estas conferencias pretenden chegar a un público moi amplo e non só están enfocadas á comunidade universitaria, profesorado de diferentes niveis educativos ou especialistas nos distintos eidos tratados, senón tamén a calquera persoa interesada na realidade social, na literatura, na lingua, na música e, en xeral, na cultura do medievo. A través deste ciclo de conferencias perseguimos dar a coñecer aínda máis unha época esplendorosa da nosa cultura e do noso pasado.
Para facilitar a asistencia, o ciclo de conferencias celebrarase en pleno centro de Vigo, no auditorio do Edificio Cambón (rúa da Palma, 4 -entrada pola rúa Oliva-).
A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio. Quen asista regularmente ó ciclo de conferencias recibirá un certificado acreditativo. Para o curso 2017/2018 a Universidade de Vigo autorizou con data 25 de outubro de 2017 a validación desta actividade por 0,4 créditos ECTS (12 horas). O código desta actividade académica é o AC00908.
A comisión organizadora está composta por catro docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, membros da Facultade de Filoloxía e Tradución: Camiño Noia Campos –coordinadora-, Bieito Arias Freixedo e Xosé-Henrique Costas González –vogais- e Alexandre Rodríguez Guerra –secretario-. Quen estea interesado no ciclo de conferencias poderá contactar con ela a través do enderezo electrónico comision_vindel@uvigo.es.
A primeira das conferencias terá lugar o vindeiro xoves 19 de outubro (de 19.30 a 21.00 h). Como con ela se inicia o ciclo de conferencias, aproveitaremos para inaugurar oficialmente Os xoves do Vindel.
O conferenciante é o historiador Anselmo López Carreira e o título da súa intervención é “Aproximación á configuración urbana de Vigo na época do Pergamiño Vindel”. Nesta ocasión, o profesor da UNED tratará na súa intervención de achegarnos ao Vigo medieval, o da época dos trobadores e xograis, para que poidamos facernos unha idea do contexto histórico en que Martin Codax compuxo a serie de cantigas en que Vigo e o seu mar teñen un destacado protagonismo.
AVISO URXENTE
Por mor dunha causa de forza maior sobrevida, vémonos na obriga de adiar a conferencia de Xosé Xabier Ron Fernández “Martin Codax: o nome. A onomástica na lírica trobadoresca”, incluída no ciclo Os xoves do Vindel e prevista inicialmente para o vindeiro xoves día 2 de novembro, ata o xoves día 22 de febreiro de 2018 (ás 19.45 no auditorio do Edificio Cambón)..
Desculpámonos polas molestias que poida ocasionar este cambio.
Atenderemos todas as consultas no enderezo electrónico comision_vindel@uvigo.es
As seis conferencias que constitúen todo o ciclo son as seguintes:
- 19 de outubro de 2017 (19.30-21.00 h) / Anselmo López Carreira (UNED)
Aproximación á configuración urbana de Vigo na época do Pergamiño Vindel
- 22 de febreiro de 2018 (19.45-21.00 h) / Xosé Xabier Ron Fernández (IES de AMES / USC)
Martin Codax: o nome. A onomástica na lírica trobadoresca
- 16 de novembro de 2017 (19.45-21.00 h) / Ceferino de Blas (Cronista oficial da cidade de Vigo)
Prensa, sociedad gallega y Martin Codax. ¿Cómo divulgaron los periódicos la figura del trovador y sus cantigas?
- 14 de decembro de 2017 (19.45-21.00 h) / Paulo Gonçalves (Músico e musicólogo)
A música dos trovadores. Aspectos da prática interpretativa: certezas e conjecturas
- 25 de xaneiro de 2018 (19.45-21.00 h) / Pilar Lorenzo Gradín (Univ. de Santiago de Compostela)
As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea
- 8 de febreiro de 2018 (19.30-21.00 h) / Ramón Mariño Paz (ILG / Univ. de Santiago de Compostela)
Literatura en galego e mecenado na Idade Media