Secesión-Incession. Erin Mouré e Chús Pato na Universidade de Vigo

Secesión_cartaz2

O grupo de investigación GAELT e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina, xunto co Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, invitaron a escritora ourensá Chús Pato e a canadense Erin Mouré a un recital poético e unha conversa sobre o seu último libro conxunto: Secesión- Incession. Esta publicación bilingüe é o cume dunha relación que comezou hai anos e que permitiu que varios dos libros de Chús Pato fosen traducidos ao inglés.

Erin Mouré é unha poeta e tradutora canadense de gran recoñecemento internacional. En 1998 decidiu aprender a lingua do seu bisavó, o galego, e pouco a pouco, foina incorporando aos seus poemas (O cidadán). Gañadora de varios premios, Erín Moure é unha das poetas máis activas e experimentais da poesía canadense actual, así como unha prolífica tradutora dende o galego, o portugués, o español e o francés.

Pola súa banda, Chús Pato, unha das poetas máis transgresoras da literatura galega actual, é coñecida por desconstruír a tradición literaria a través da súa poesía en prosa, de voces polifónicas e dunha sintaxe sincopada. Entre as súas obras destacan Urania e Charenton.

Nesta ocasión, as autoras tiveron a oportunidade de ler algúns dos seus poemas e de falar sobre o proceso de creación deste libro. Deste xeito, subliñáronse as relacións internacionais da literatura galega, das que Chús Pato e Erin Mouré son un bo exemplo.

Presentaron o acto as  profesoras Teresa Bermúdez do grupo de investigación GAELT e Belén Martín Lucas do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo.