Saídas profesionais dos estudos de galego na Universidade de Vigo
Os días 15 e 16 de febreiro realizáronse unha novas xeiras informativas, organizadas polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina para coñecer as diferentes saídas que teñen os estudos de galego na Universidade de Vigo.
As xornadas, organizadas en resposta a unha demanda existente entre o alumnado, contaron cunha ampla presenza de estudantes e axudaron a resolver as dúbidas e inquedanzas ás que se enfrontan unha vez rematado o grao universitario. Porén, as numerosas intervencións das ex-alumnas da Facultade de Filoloxía e Tradución amosaron a vitalidade dos estudos de galego e deixaron claro que estes estudos teñen moitas e variadas saídas.
-
Continuar coa formación. Os estudos de mestrado na Universidade de Vigo
Xosé-Henrique Costas, director do departamento, deu a benvida ao acto e comezou a xornada coa presentación de tres antigas alumnas, Marinha Paradelo, Julieta Insagaray e Iria Custidio, que explicaron as características e posibilidades do Mestrado de Profesorado. Tamén sinalaron que esta titulación pode estudarse na Universidade de Vigo e deu algúns consellos ao alumnado presente.
A continuación, na segunda xornada, Aroa Vázquez contounos a súa experiencia no Máster Interuniversitario de Lingüística Aplicada (MILA). Na páxina web da titulación pódese consultar máis información sobre esta opción, que afonda en diferentes eidos da lingüística e permite escoller entre diferentes especialidades. Ademais, ao igual que o Mestrado de Profesorado, dá acceso aos estudos de doutoramento para aquelas persoas interesadas na carreira investigadora.
-
A investigación na universidade
Coa intervención de Antía Monteagudo puidemos coñecer como é o mundo da investigación en Galicia, como se pode acceder aos estudos de doutoramento e en que consisten. Actualmente, os programas de doutoramento que existen na Uvigo do ámbito filolóxico son o de Estudos Lingüísticos ou o programa interuniversitario de Estudos Literarios.
A docente e investigadora tamén proporcionou ao alumnado moita información das diferentes bolsas que poden solicitar para realizar estes estudos: as axudas FPU e FPI do Ministerio de Educación, as axudas de apoio á etapa predoutoral da Xunta de Galicia ou as axudas predoutorais da Universidade de Vigo.
-
A investigación en diferentes centros de Galicia
Reyes Rodríguez Rodríguez, graduada en Estudos de Galego e Español, falounos da súa experiencia como investigadora no Instituto da Lingua Galega. Ademais, achegou información de diferentes bolsas de formación e de investigación neste centro (ILG), así como os proxectos nos que se están traballando actualmente.
Dentro do eido investigador, tamén contamos coa organizadora das xeiras María Bará, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, que este ano se atopa en calidade de bolseira no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Entre outras cousas, falounos sobre as características desta bolsa e como se pode acceder a ela.
-
A docencia
Outra porta importante que nos abren os estudos de galego é a docencia no ensino medio. Andrea Expósito Loureiro, que obtivo a súa praza no 2018, explicou ao alumnado como é todo o proceso das oposicións e cales son as probas que deben superar.
-
Normalización Lingüística
Na xeira informativa participou Andrea González Pereira, técnica de normalización lingüística no Concello do Porriño. Falou da súa experiencia nesta área, do labor que fan dende o concello e de como podemos acceder a un posto de traballo deste tipo. Na web da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) pódese atopar máis información sobre este eido.
-
Mundo editorial
O mundo editorial tamén é unha saída interesante que nos proporcionan os estudos de galego. Anaír Rodríguez, ex-alumna e editora en Xerais, foi quen puxo ao estudantado actual en contacto con este ámbito. É posible traballar na edición de libros de texto ou de libros literarios.
-
Creación e cultura
Clara Seco, creadora da produtora cultural Toxoverde, compartiu asemade a súa experiencia como creadora e emprendedora no mundo cultural. Son moitas as posibilidades que se abren neste ámbito: creación literaria, xestión de eventos culturais, librarías, organización de obradoiros…
-
Co galego polo mundo
Por outra banda, falouse ao longo da xornada de diferentes posibilidades que nos permiten traballar ou continuar coa nosa formación fóra de Galicia. Un exemplo son os lectorados. Neste apartado das xornadas Lucía Salceda contounos a súa experiencia como lectora de galega na Universidade do Algarve (Portugal). Tamén existen diferentes bolsas de prácticas e formación no estranxeiro.
-
Outras
O abano de saídas é moi amplo, e pode abrirse máis aínda con todas as posibilidades que nos ofrece o campo das novas tecnoloxías e a linguaxe por exemplo, ben no mundo da investigación ou ben traballando en empresas tecnolóxicas.
Nas seguintes presentacións podedes consultar máis polo miúdo a información que se proporcionou ao longo das xornadas.