Inauguración e conferencia de López Carreira (19 de outubro)

Os xoves do Vindel_19_out-LopezCarreira Os xoves do Vindel_19_out-inauguracion

O pasado xoves 19 de outubro inaugurouse o ciclo de conferencias Os xoves do Vindel. Interviñeron, por esta orde, a prof. Camiño Noia Campos, en representación da comisión organizadora, a Sra. presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, e o Sr. vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández Iglesias.

A continuación, o prof. Xosé-Henrique Costas González presentou o conferenciante, o prof. da UNED Anselmo López Carreira.

O historiador López Carreira comezou a conferencia mostrando que Vigo estivo poboado desde a prehistoria, tal como revelan os monumentos megalíticos do Neolítico e os petróglifos da Idade do Bronce atopados na comarca viguesa e que no monte do Castro habitou xente desde a Idade do Ferro.

A partir dos primeiros anos da romanización as fontes históricas, documentais e arqueolóxicas escasean e resulta difícil trazar unha panorámica do que sería Vigo a fins do século XIII, cando foron escritas as cantigas polo descoñecido xograr Martin Codax. Mais López Carreira, baseándose nas escasas referencias á vila atopadas nos documentos existentes e comparando a situación medieval de Vigo coa de etapas posteriores sobre as que xa existe máis información, puido facer unha descrición moi atinada de como sería daquela a vila.

E supón que era un territorio articulado por dúas parroquias, a de Santa María, situada no casco vello, e a de Santiago, no Areal; unha vila constrinxida pola competencia de Redondela dunha parte e de Baiona da outra, que tiñan maior categoría. Mais tamén se sabe, por documentos do mosteiro de Melón, da existencia da ermida de Santa Ouxea (logo Santa Marta), no Berbés, o que indica que este barrio xa adquirira importancia na configuración da vila medieval en relación coa actividade pesqueira.

logoUvi LogoDeputacion