A profesora catedrática emérita do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Camiño Noia, interveu nun coloquio celebrado o 15 de maio de 2020 a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo. Estivo acompañada no acto por Pilar García Negro, Aurora Marco e Fernando Ramallo (director da Área de Normalización Lingüística), que actuou de moderador. O acto púidose seguir en directo a través de UVigo TV.
Camiño Noia, ex-alumna de Carvalho Calero, salientou dúas “obras fundamentais” do escritor ferrolán: a Gramática elemental del gallego común, editada por primeira vez en 1966, e a Historia da literatura galega contemporánea, da que dixo que é “unha obra magnífica” e reclamou a súa reedición. Verbo da defensa de Carvalho Calero do reintegracionismo, a profesora Camiño Noia atribuíuna a “un problema de emocións cando se sentiu desprazado” (cfr. DUVI).
Pola súa banda, na páxina web da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT), ó longo de toda a semana das letras galegas, foise subindo cada día unha composición diferente de Carvalho Calero. Baixo o título Letras galegas: seis poemas para sete días, amosouse unha selección da súa obra acompañada por cadansúa fotografía relacionada co filólogo ferrolán homenaxeado.