A profesora Ana Bela Simões de Almeida, lectora de Literatura Portuguesa na Universidade da Coruña, disertou no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Traducción sobre a lírica feminina portuguesa. No seu relatorio, Simões acompañou aos asistentes nunha viaxe oral a través dos versos da poesía portuguesa contemporánea escrita por mulleres, centrándose nas dúas poetisas máis relevantes na lírica lusa actual, Adília Lopes e Ana Luísa Amaral, e referíndose tamén ao matriarcado da literatura no país veciño. Segundo Ana Bela Simões, as liñas temáticas destas dúas autoras inflúen decisivamente na temática da poesía contemporánea de autoría feminina en Portugal. Nas súas obras, estas autoras cuestiónanse ás veces sobre a orixe da poesía e a lexitimidade para escribir verso,s explica Simões, as poetisas pregúntanse a si mesmas se realmente son dignas de escribir poesía. Esto pódese definir como metaliteratura e é un dos temas de fondo das obras de Lopes e Amaral. Outro dos temas tratados polas dúas poetisas lusas é o da reinterpretación da tradición literaria. Tanto Adília Lopes como Ana Luísa Amaral reinterpretan e reescriben a literatura portuguesa, facendo dela unha parodia que ao mesmo tempo é homenaxe e crítica afirma Ana Bela Simões. Tamén prestan especial atención a todo o contorno que rodea ás mulleres, dende as tarefas da casa ata a domesticidade, envelenada pola ironía que a desmitifica, mestura de crítica e denuncia social explica a profesora. A pesar de ter moito en común nos temas dos seus versos, estas poetisas son tamén moi diferentes entre si. Adília Lopes emprega unha linguaxe sumamente feminina, pero a súa poesía é provocativa e provocadora. É quen de escandalizar ao público lector e ao mesmo tempo facer que se sinta atraído polo prohibido dos seus versos, salienta Simões. Ana Luísa Amaral céntrase principalmente no espazo doméstico, a maternidade e unha serie de estereotipos referidos á muller e que son desmitificados pola autora. Segundo Ana Bela Simões, estas dúas autoras encabezan unha nova corrente da lírica portuguesa e son protagonistas dunha loita corpo a corpo coa tradición poética lusa.