
O pasado venres 21 de maio finalizou a programación no campus de Ourense co gallo do Día das Letras Galegas. Na Facultade de Educación e Traballo Social celebrouse un segundo acto de homenaxe baixo o nome Día das Letras Galegas. O Día das Letras con voz de muller.
A actividade foi coordinada polos docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Ana Iglesias, Fernando Dacosta e Mercedes González, xunto coa vicedecana da facultade Isabel Mociño e coa colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución e a Área de Normalización Lingüística.
Na benvida interviron Xosé Manuel Cid, decano da facultade organizadora, a profesora Ana Iglesias e Xandre Rodríguez, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo. Todos eles destacaron o valor da figura de Xela Arias e a implicación do alumnado na súa homenaxe.
Durante ao acto proxectáronse os traballos audiovisuais realizados polo alumnado inspirados na obra poética de Xela Arias. Todas as pezas poden visualizarse aquí.
Imaxe dunha das pezas audiovisuais elaboradas polo alumnado
Baixo a dirección do profesorado, o alumnado profundizou cos seus traballos naquilo que lles suxerían os textos da escritora. O resultado son vídeos que van máis alá do poema e invitan á reflexión.
Tamén estivo presente Darío Gil Arias, fillo da escritora, quen agradeceu que o alumnado se sumase deste xeito á homenaxe a súa nai.
Por outra banda, María Yáñez ofreceu unha conferencia titulada Tras os pasos de Xela Arias. Nela explicou os pasos que seguiu para facer a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada.
A actividade rematou coa actuación do músico e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Xosé Constenla, que tocou varias pezas do seu último traballo O globo vermello, precedidas da lectura de poemas de Xela Arias.
[Imaxes tomadas do DUVI]